ENSINO

Feijóo dende que é presidente da Xunta non creou nin unha soa praza de educación infantil en Compostela

Máis de 600 nenos e nenas quedaron sen a praza solicitada nas escolas públicas infantís do Concello e da Xunta no curso 2017-2018

Feijóo dende que é presidente da Xunta non creou nin unha soa praza de educación infantil en Compostela

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2017.- O portavoz do BNG de Santiago, Rubén Cela, reclamou un plan de actuación global, plurianual e interadministrativo para a dotación de prazas de escolas infantís públicas co fin de  favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, a programación educativa en galego e a xustiza social, con garantía de acceso ás familias con rendas máis baixas e en situación de especial dificultade.

Así, demandou “como mínimo dúas novas escolas infantís no Castiñeiriño e en Santa Marta e que a nova proxectada para a Cidade Administrativa de San Caetano duplique as 75 prazas previstas para atender a demanda existente na zona”, ademais da negociación da homologación na xestión, cunha programación que atenda o dereito ao ensino en galego.

A oferta actual é “insuficiente”, nin sequera sumando a oferta privada e concertada, porque actualmente hai 3.400 nenos e nenas de 0 a 3 anos en Santiago de Compostela, segundo datos do censo municipal, aos que hai que engadir os de persoas que traballan na cidade sen estaren censadas, e tan só se ofertan 886 prazas (ás que hai que descontar as 82 de Santa Susana que permanece pechada). Segundo estimacións, hai máis de 600 nenos e nenas que quedaron sen praza solicitada nas escolas públicas infantís do Concello e da Xunta (171 nas municipais e 447 nas da Xunta).

Actualmente, só está en previsión a construción dunha nova escola infantil de 82 prazas no Castiñeiriño e outra a carón dos edificios administrativos da Xunta. Cómpre lembrar que as últimas escolas infantís construídas foron en San Roque e no Tambre, durante o bipartito e baixo a responsabilidade do BNG “pois Feijóo dende que é presidente da Xunta non creou nin unha soa praza de educación infantil en Compostela”, afirmou Rubén Cela.

Ademais dos problemas estruturais, hai outros derivados da mala xestión, como o da escola infantil de Salgueiriños, “que leva sen contrato dende abril, e aínda se iniciou esta semana a tramitación da convocatoria para o novo concurso; ou a de Santa Susana, que leva pechada dende o curso 2015-2016”.

Lembrou tamén que “Feijóo en campaña electoral se comprometera a eliminar as listas de agarda para este curso nas escolas infantís, mais é evidente de que non foi así”.