O Goberno de Compostela Aberta mantén un ano despois o modelo de servizo de comedores do PP

O Goberno de Compostela Aberta mantén un ano despois o modelo de servizo de comedores do PP

Encareceuse o prezo en 60.000 euros que non ten previsto nos orzamentos

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2016.- O grupo municipal do BNG realizou unha valoración sobre o prezo do servizo dos comedores escolares que se aprobou en Xunta de Goberno, que quedarán en 4,5 euros para o xantar e en perto de 2 euros o servizo de madrugadores, o que supón un incremento considerábel. O Concello anuncia que vai pór unha cantidade “idéntica á que pon a Xunta de Galiza, aínda que cremos que vai ser superior” o que “supón a fase final dun auténtico despropósito porque imos ter o mesmo modelo de comedores escolares que tiña o PP”, explicou Rubén Cela.

Cómpre lembrar que o Goberno municipal durante un ano enteiro prorrogou o contrato anterior co pretexto de que ía cambiar o modelo para acabar “exactamente co mesmo modelo que había co PP”, pois non houbo ningún avance en municipalizar o servizo, en pasarlle a xestión a quen ten as competencias propias que é a Xunta, nin en modificar os pregos da concesión do contrato para buscar un servizo de máis calidade.

“O servizo vai ser máis caro que o ano anterior sen ter garantías de que haxa unha mellora substancial que xustifique ese incremento de costes, vai ser prestado pola mesma empresa que deixou colgado ao Concello hai uns meses, que foi expedientada e que recibiu tantas queixas por parte das familias”, explicou Rubén Cela. A maiores, o Concello vai pór a mesma cantidade –ou máis- que a administración que é competente neste servizo.

Aludiu tamén a que o Concello de Santiago non vai discriminar en función de renda, “cos impostos da veciñanza vaise subvencionar tamén os comedores escolares de determinadas familias que non terían necesidade de que se cofinanciase este servizo”.

“Asistimos ao peche do círculo dunha xestión pésima nos comedores escolares, hai un ano cunha situación rocambolesca e finalizamos cun sistema que non convence as asociacións de nais e pais nin ao BNG”, dixo. Ademais, requiriu explicacións de “onde saen eses 60.000 euros para os comedores, porque non estaban orzados e haberá que recortalos doutras partidas da Concellaría de Educación que verá recortados programas e actuacións para sufragar este sobrecuste”.

O Goberno de Compostela Aberta mantén un ano despois o modelo de servizo de comedores do PP