ORZAMENTOS

O Goberno de Noriega acumula tres meses de demora sen presentar a liquidación do Orzamento de 2017 con respecto ao que marca a lei

As repercusións negativas son que isto implica que o Goberno local disporá dun trimestre menos para reinvestir os fondos que quedaron sen gastar en 2017
 

O Goberno de Noriega acumula tres meses de demora sen presentar a liquidación do Orzamento de 2017 con respecto ao que marca a lei

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2018.- O portavoz municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, advírtelle ao alcalde Martiño Noriega das repercusións negativas para a cidade por incumprir a data de presentación da liquidación do Orzamento de 2017, que xa leva tres meses de demora con respecto ao que marca a normativa. Para o BNG, “é un exercicio máis de escurantismo económico”.

O 31 de marzo é a data límite para presentar a liquidación das contas do ano anterior, segundo o artigo 15.4 da orde pola que se desenvolven as obrigas de subministración de información previstas na Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira.

O feito de acumular estes tres meses de demora, “ademais do escurantismo informativo na economía municipal, implica que o Goberno local disporá dun trimestre menos en 2018 para reinvestir os fondos que quedaron sen gastar en 2017 como investimentos financeiramente sostíbeis”.

Mala planificación da xestión organizativa e económica

Cómpre lembrar que o ritmo de investimento neste mandato de Compostela Aberta non supera o 25%, é dicir, de cada 100 euros consignados para proxectos só consegue executar 25 euros, pese a que hai grandes carencias no ámbito urbano e no rural, co que a demora na presentación da liquidación de 2017 aínda agrava a situación actual. Isto reflexa unha situación provocada pola mala planificación da xestión organizativa e económica do Goberno local de Martiño Noriega, ao quedar sen executar moitos proxectos cando están aprobados en Pleno e incluídos nos orzamentos, pese a ter fondos para facelos e iren destinados a mellorar a calidade de vida da veciñanza de Santiago de Compostela.

As corporacións locais deben comunicar antes do 31 de marzo de cada ano os orzamentos liquidados e as contas anuais formuladas polos suxeitos e entidades sometidos ao Plan Xeral de Contabilidade de Empresas ou ás súas adaptacións sectoriais, cos seus anexos e estados complementarios; ademais das obrigas fronte a terceiros, vencidas, líquidas e esixíbeis non imputadas a orzamento. Debe describir tamén a situación a 31 de decembro do exercicio anterior da débeda viva, incluídos os cadros de amortización; a información que permita relacionar o saldo resultante dos ingresos e gastos do Orzamento coa capacidade ou necesidade de financiamento, calculada conforme ás normas do Sistema Europeo de contas. Iso ten que ir acompañado do informe da Intervención de avaliación do cumprimento do obxectivo de estabilidade, da regra do gasto e do límite da débeda, xunto con información relativa aos investimentos financeiramente sustentábeis executados en aplicación do previsto na disposición adicional décimo sexta do texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo.