SANIDADE

Goretti Sanmartín advirte de que 700 persoas quedaron sen operar no CHUS polo peche de camas e quirófanos este verán

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Expresou a solidariedade do BNG co persoal sanitario “que fai todo o posíbel” para minimizar esta mala xestión da Xunta

Goretti Sanmartín advirte de que 700 persoas quedaron sen operar no CHUS polo peche de camas e quirófanos este verán

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, no 20 aniversario da apertura do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), advertiu de que 700 persoas quedaron sen operar este verán pola repercusión do peche de camas e de quirófanos. Segundo datos oficiais, neste verán pecharon 308 camas e sete dos 15 quirófanos.

O BNG entende que é un problema “grave” que non se aproveite a etapa de verán “para ter as camas e as infraestruturas abertas para facer unha redución importante nas listaxes de espera”. “Non coincidimos, para nada, con esa autocompracencia que se traslada desde a Consellaría de Sanidade coa utilización parcial dos datos cando nos cómputos de lista de espera desaparecen as probas de medicina nuclear, cando non se teñen en conta as axendas pechadas ou os desvíos á concertada”, explicou. “De feito, hai unhas listas de agarda B, non estruturais, que non son públicas”, destacou a portavoz municipal.

Fixo referencia ao incremento na espera media de cirurxía de prioridade 1, que pasou de 11,4 días a 13,2 días; e tamén na cirurxía de prioridade 2, que pasou de 52 a 54 días. Ademais da suba do tempo medio de espera nas consultas de especialidades como obstetricia, xinecoloxía e cardioloxía, “sobre todo hai un aumento de espera na atención sanitaria específica para as mulleres e en probas diagnósticas de grande impacto como TAC, eco torácica, resonancias magnéticas e eco de mama”. En xeral, dixo, “temos un panorama no CHUS con moitos problemas por citas tardías e incapacidade de atender as 700 persoas que estaban a agardar por unha operación e podían ser operadas nesta etapa do verán”.

Deste xeito, expresou a solidariedade do BNG “co persoal sanitario que fai todo o posíbel para minimizar esta xestión e tamén a solidariedade nas reclamacións e loitas dese persoal de enfermaría eventual que sofre unha precariedade extrema en baixas, contratos continuados e sen vacacións; un exemplo máis de como vai a sanidade pública que padece un proceso de privatización e precariedade que causa unha fonda idea de que hai que mudar ese modelo”.

Hotel na Sionlla

Sobre a información da intención de permitir a construción dun hotel no polígono da Sionlla, sinalou que “é unha barbaridade porque é solo industrial pagado con cartos públicos para asentar industria”, ademais de referirse ao compromiso das forzas políticas “para a reindustrialización de Santiago de Compostela como un dos eixos estratéxicos para conseguir máis emprego e diversificación económica”. “Entendemos que a construción dun hotel no polígono da Sionlla non é a liña pola que se debe ir, senón por buscar as industrias necesarias para que asenten nesa superficie que aínda dispón de moitos metros cadrados libres”, engadiu.

Parcela de Xoán XXIII

A respecto de recuperar o solo de Xoán XXIII para facer vivenda pública, lembrou que unha das causas da expulsión de poboación de Santiago de Compostela “foi a falta de construción de vivenda pública e instou a retomar o proxecto da etapa do bipartito na Xunta para que fosen en réxime de alugueiro para a mocidade na zona vella”, para que teña vida e se facilite a emancipación da xente nova.