ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín anuncia a creación da Oficina de captación de investimentos industriais

Goretti Sanmartín e Rubén Cela
Goretti Sanmartín e Rubén Cela

O BNG propón a creación dun viveiro para diversificar o comercio na Cidade histórica e un viveiro de naves industriais no novo Polígono da Sionlla

Goretti Sanmartín anuncia a creación da Oficina de captación de investimentos industriais

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2019.- A  candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada de Rubén Cela, presentou o programa económico na Cámara de Comercio, onde anunciou a creación da Oficina de captación de investimentos industriais e a ‘xanela única’ para licenzas e trámites municipais.

A Oficina de captación de investimentos industriais realizarase coa participación da Cámara e da Asociación de Empresari@s do Polígono do Tambre “para favorecer a implantación de empresas e industrias de interese estratéxico para Santiago e que contribúan ao ciclo produtivo das empresas locais”, explicou Goretti Sanmartín. “Mesmo é precisa a participación económica da administración vinculada á creación de emprego, á súa calidade e ao mantemento da actividade no municipio cun Servizo de Atención ao Investimento Exterior que permita atraer investimentos foráneos a Compostela a través da divulgación das vantaxes comparativas en canto á situación, comunicacións, capitalidade e USC”; e isto irá acompañado de beneficios fiscais, axudas e subvencións, engadiu.

A candidata propuxo crear unha ‘xanela única’ para empresas que facilite, axilice e acompañe na tramitación de permisos e licenzas, en paralelo á reorganización do departamento de Urbanismo.

Ademais de explicar a necesidade de adoptar medidas para a reindustrialización de Santiago de Compostela, destacou o compromiso para apoiar o pequeno comercio, protexer os estabelecementos emblemáticos e a iniciativa de promover Santiago como capital de compras. Iso irá acompañado dun plan integral de actuación de cara a favorecer o estacionamento de vehículos a potenciais clientes do pequeno comercio compostelán coa dotación dun novo aparcadoiro público e de xestión pública na contorna do Campus Sur para dar servizo.

Tamén o BNG considera fundamental diversificar a oferta turística coa creación do Consorcio de Turismo de Santiago, con protagonismo do sector, Incolsa, Concello,  Deputación e Xunta. “O obxectivo é evitar duplicidades, mellorar as sinerxías e complementariades e optimizar o uso de recursos públicos”, explicou. “Este Consorcio de Turismo primará a practicidade, xa que debe orientarse a conseguir o turismo exterior de calidade”, con ofertas dirixidas a atraer visitantes mediante a especialización do turismo de congresos, cultural, idiomático, ambiental, deportivo e gastronómico, entre outras.

Outra das medidas do BNG, que expuxo Rubén Cela, é a creación dun viveiro de empresas que comece pola rehabilitación dos locais pechados, dotación de licenzas e asesoramento de persoas que montan o seu primeiro emprego para diversificar o modelo de comercio. O BNG propón a coordinación entre os actuais viveiros de empresas (Emprendia e Costa Vella) tomando como criterios o fomento do empresariado individual, o feminino e o xuvenil, a creación de empresas de economía social, o número de postos de traballo que crean e o potencial de fomento de emprego, a creación de postos de traballo desempeñados por mulleres e que a actividade se encadre nos novos nichos de emprego. Ademais, explicou que é necesario completar esta rede cun Viveiro de Naves Industriais, como elemento complementario, no novo Polígono da Sionlla e unha incubadora de empresas.