ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín aposta por converter Santiago en capital da investigación científica e tecnolóxica

bbb
bbb

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG; Néstor Rego, candidato ao Congreso; Goretti Sanmartín, candidata á Alcaldía; e Rubén Cela, concelleiro de Santiago; visitaron o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS)

Goretti Sanmartín aposta por converter Santiago en capital da investigación científica e tecnolóxica

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2019.- Goretti Sanmartín, candidata á Alcaldía, destacou o potencial da USC en proxectos de investigación e apostou por converter Santiago en capital da investigación científica e tecnolóxica.

Para iso, é necesario un programa de retención de talento para para que poidan continuar o seu traballo e fiquen na cidade, xunto coa captación de persoas investigadoras emigradas para o seu retorno á cidade, explicou.

Santiago debe ser tamén referente na organización de eventos, como simposios e congresos, que contribúan á investigación científica e tecnolóxica e sirvan para desestacionalizar a oferta hoteleira.

Ana Pontón compromete o apoio de BNG no Congreso para que Galiza sexa referencia en investigación

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) xunto co candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, para destacar os compromisos do BNG coa investigación e a ciencia en Galiza, cuxo potencial queda claro nun centro de referencia como o CIMUS cun panel de científic@s de primeiro nivel.

Incrementar os recursos destinados a I+D+i, traer de volta ao talento investigador que emigrou precisamente por falta de orzamento e oportunidades, e combater a discriminación das mulleres no ámbito da ciencia foron os compromisos adquiridos polo BNG a defender no Congreso tras o 28A.

“Temos que denunciar que nos últimos anos e xa fora da crise o Goberno central seguiu recortando en investigación e desenvolvemento”, criticou Pontón, de tal xeito que hoxe os recursos do Estado para I+D+i caeron a niveis de fai 15 anos mentres que os fondos para investigación e desenvolvemento na UE aumentaron un 25%”.

É máis, salientou a líder nacionalista, os minguados recursos presupostados quedaron maioritariamente sen gastar. En 2016, o Estado deixou sen investir o 60% do orzamento en investigación, en 2017 os datos aínda son peores e 7 de cada 10 euros quedaron sen gastar, en 2018 deixouse de investir o 53%, “e polo que nos explican as cifras en 2019 vanse mover en porcentaxes similares sen executar”.

“Hai un enorme talento investigador, Galiza é unha potencia tamén neste ámbito pero precisa apoio e recursos. Fallou a pata do financiamento con recortes tanto desde os gobernos do Estado como da Xunta provocando unha emigración de talento que necesitamos recuperar”, subliñou Pontón.

“A investigación é básica para o noso país, e Galiza ten potencia pero precisa orzamentos e apoio público, precisa ser decisiva no Estado a partir do 28A para facer unha aposta estratéxica pola innovación”, salientou a portavoz nacionalista que concretou o apoio dos deputadas e deputadas do BNG en compromisos concretos.

En primeiro lugar, “duplicar o investimento en I+D+i porque estamos por debaixo da media estatal”, que a súa vez está moi por debaixo da media europea, “Galiza retrocedeu postos estes anos e o noso compromiso sendo decisivos no Estado é que haxa un incremento de apoio á ciencia e á investigación”.

Carreira investigadora

En segundo lugar, apoio para desenvolver a carreira  investigadora “para evitar que os nosos investigadores e investigadoras tiren a toalla porque a día de hoxe estamos perdendo talento que hai que traer de volta”.

Como terceiro compromiso, “apoiamos unha ciencia que aposte por todo talento das mulleres e que acabe coa discriminación das científicas e investigadoras, cos teitos de cristal que soportan tamén neste ámbito, e derrubar as barreiras que limitan o seu desenvolvemento profesional como denunciaban as afectadas penalizadas mesmo por ser nais. É algo que hai que corrixir”, concluíu.

Rego destacou a excelencia científica do CIMUS, “que redunda en beneficio de Galiza, que coloca tamén a universidade de Santiago no nivel de prestixio no que xa está en investigación e imos cos deberes de colocar mais recursos sobre a mesa”, salientou.