ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín asume a portavocía municipal do BNG e dálle relevo a Rubén Cela, que seguirá como concelleiro

Almorzo informativo
Almorzo informativo

"Santiago de Compostela recibiu a través do Plan Único da Deputación máis de 2 millóns de euros cada ano”, explicou a vicepresidenta deste ente provincial

Goretti Sanmartín asume a portavocía municipal do BNG e dálle relevo a Rubén Cela, que seguirá como concelleiro

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2018.- A concelleira e candidata á Alcaldía Goretti Sanmartín Rei anunciou, no transcurso dun almorzo informativo, o relevo da portavocía municipal do BNG de Santiago de Compostela que até agora asumía Rubén Cela, que continuará como edil até as eleccións de 2019.

“Iso significa unha maior implicación, esforzo e dedicación aos temas de Santiago de Compostela”, afirmou nun acto no que estivo acompañada de Rubén Cela e de Xesús Domínguez, responsábel local da formación nacionalista. Anunciou tamén que xa está en marcha a comisión electoral do BNG local “que comezou a perfilar os traballos para a preparación do programa de Goberno, a axenda de contactos con persoas e colectivos para recoller propostas coas que deseñar a estratexia que logo teremos que facer chegar en forma de mensaxe clara e contundente ao conxunto da poboación”.

Sobre o proceso de elaboración da lista electoral, avanzou que se anunciará a partir de setembro “cun equipo sólido e cohesionado, que coñeza ben a cidade e que combine experiencia de traballo con coñecemento das necesidades dos barrios, mais tamén renovado con xente nova que achegue ideas e teña protagonismo e visibilidade necesaria; ademais de persoas non militantes do BNG comprometidas e representativas do territorio e de sectores fundamentais para a cidade”. Antes de final de ano este proceso estará rematado, indicou.

Estes tres anos foron “moi intensos” de traballo complementario entre o Concello e a Deputación, explicou, en que se valeu da “bagaxe, coñecemento e capacidade de diálogo” de Rubén Cela, ademais da experiencia que dá o traballo como vicepresidenta da Deputación. O BNG participou neste Goberno da Deputación para transformala e facer un proceso “distinto e ambicioso”, segundo cualificou. Sinalou que Santiago de Compostela recibiu a través do Plan Único máis de 2 millóns de euros cada ano que foron investidos en obras como o pavillón polideportivo da Lavacolla, o acondicionamento da Gracia, o proxecto de beirarrúas do Tambre e a recuperación das fontes e lavadoiros, entre outros. Tamén impulsou con financiamento a rehabilitación da Casa das Máquinas, o centro de lecer das Fontiñas “María Miramontes”, o novo parque rupestre de Compostela e houbo “unha implicación moi forte co tecido cultural, deportivo e veciñal que acode a moitas das liñas de subvencións para desenvolver actividades apoiadas pola Deputación da Coruña”. “No curto prazo, queda consolidar eses proxectos de cambio de modelo e de aposta pola transparencia”, afirmou.

Marcou como prioridades o traballo para facer de Santiago “un concello mellor para vivir e para traballar”, mediante “políticas ambientais, urbanísticas, culturais e feministas como elementos transversais onde o rural e o urbano se integren, ademais da integración do ámbito universitario e veciñal”, engadiu, “cun modelo claro de cidade que se trazou neste tempo de oposición”.