ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín: “O BNG propón adquirir a Finca do Espiño, a través do Consorcio, para manter esta zona verde en vez de nova construción”

Visita á Finca do Espiño
Visita á Finca do Espiño

Néstor Rego e Goretti Sanmartín realizaron unha visita á Finca do Espiño e urxen á rehabilitación do palacete

Goretti Sanmartín: “O BNG propón adquirir a Finca do Espiño, a través do Consorcio, para manter esta zona verde en vez de nova construción”

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2019.- Na xornada do sábado, a candidata á Alcaldía, Goretti Sanmartín Rei, e o cabeza de lista ao Congreso, Néstor Rego, acompañados pola candidatura e militantes do BNG realizaron unha visita á Finca do Espiño, onde anunciaron a proposta para que a compre o Consorcio (como fixo coa Selva Negra na etapa de goberno do BNG) para evitar que se edifique neste lugar e novos intentos de modificacións no PXOM que pretendían permitir a construción de vivenda neste espazo verde, como aconteceu co goberno de Conde Roa e no Pleno de marzo a iniciativa do actual Goberno local. Urxe tamén a rehabilitación do palacete, en estado ruinoso, cos fondos para esta obra depositados no Concello de Santiago por sentenza xudicial e que non se chegaron a investir nestes últimos catro anos pese estar aprobado en Pleno.

Segundo explicou Néstor Rego, mellorar a calidade de vida e a dotación de zonas verdes e espazos naturais no ámbito urbano e periurbano foi sempre unha marca dos gobernos do BNG. No caso de Santiago, foi o BNG quen realizou as actuacións de recuperación das marxes do río Sarela ou de creación dun gran parque forestal na Granxa do Xesto. “Unha actuación importante foi a adquisición por parte do Consorcio da Selva Negra, un espazo de máis de 200.000 m2 que permitiu que fose unida á Granxa do Xesto para aumentar esa zona verde”, explicou. Daquela, o Consorcio adquiriu esa propiedade por un importe de 4,12 millóns de euros e converteuse, da man do BNG nunha actuación emblemática que forneceu un novo espazo verde e de lecer para Compostela. “Esta vía pódese utilizar para a Finca do Espiño, para convertela nun gran parque público e evitar a edificabilidade”, indicou, “desde o Congreso tamén faremos o posíbel para que o Consorcio, en que a participación do Estado é maioritaria, se reactive como un órgano capaz de impulsar e de continuar actuacións deste tipo para a cidade de Santiago”.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín lembrou que hai sete anos o BNG denunciara aquel intento de facer un proxecto especulativo por parte do PP, que foi parado pola mobilización política e social. “Entendemos que é unha vergoña que sete anos máis tarde o palacete estea nestas condicións, despois de que no ano 2011 se fixera unha primeira fase de apuntalamento para que puidese iniciarse o proceso de recuperación”, sinalou. “Como BNG levamos unha proposición a Pleno, en abril de 2016, onde se aprobou que fose unha prioridade a rehabilitación deste palacete”, engadiu.

Deste xeito, comprometeuse a retomar o proxecto para rehabilitar este palacete, se o BNG ten responsabilidade de goberno, así como a impulsar a compra por parte do Consorcio para que sexa outro pulmón verde e non entendemos que teña que haber esa vivenda libre que propón Compostela Aberta. “Esa foi a razón pola que o BNG non votou a favor da proposta que levaba o Goberno de Compostela Aberta que, aínda que melloraba a de Conde Roa, para o BNG non era satisfactoria porque entendemos que non debe haber vivenda libre neste espazo.