ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín: “O BNG vai ser unha forza determinante para transformar Santiago de Compostela”

ana.goretti
ana.goretti

Ana Pontón afirma que a candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, é “unha persoa dialogante e, neste contexto, iso é un valor estratéxico na política”

Goretti Sanmartín: “O BNG vai ser unha forza determinante para transformar Santiago de Compostela”

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2018.- A portavoz nacional, Ana Pontón, afirmou durante un almorzo informativo que o BNG vai darlle “a oportunidade aos veciños e veciñas de que por vez primeira esta cidade teña unha alcaldesa nacionalista e feminista, comprometida con Santiago de Compostela e con Galiza”. Deste xeito, a candidata á Alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, asegurou que “o BNG vai ser unha forza determinante para transformar esta cidade”.

Segundo explicou Ana Pontón, o BNG está “nun bo momento”, “estamos en forma, temos unha organización unida e con cohesión interna e centrada en poñer alternativas fronte aos problemas que ten a xente do noso país para trazar un horizonte de esperanza para os galegos e galegas que, evidentemente, neste contexto é máis necesario ca nunca”. As elección europeas e municipais van confirmar “que estamos á alza” e a recuperación do BNG no conxunto de Galiza e, moi particularmente, en Santiago de Compostela. Para Ana Pontón, existe unha corrente de simpatía a prol do BNG que detecta “non só nas enquisas, tamén a pé de rúa” onde hai unha valoración moi positiva da renovación representada por persoas “serias, coherentes, traballadoras e acompañado de algo fundamental para liderar un Goberno municipal que é ter un proxecto de cidade que realmente aposte por mellorar a calidade de vida, afrontar os retos de Santiago de Compostela e darlle un novo impulso”.

Para o BNG, Santiago ten unha importancia estratéxica porque é a capital de Galiza e da nosa nación “por iso facemos unha aposta potente con Goretti Sanmartín”, unha persoa clave nesta nova etapa do BNG como coordinadora da Executiva, con capacidade política e de traballo acreditadas, ademais de destacar a experiencia na xestión como vicepresidenta da Deputación da Coruña onde demostrou que ten capacidade de liderado, de entendemento e para deseñar proxectos, executalos e cumprir obxectivos”. “Goretti é unha persoa dialogante e, neste contexto, iso é un valor estratéxico na política”, engadiu.

Puxo en valor tamén a pegada e o traballo colectivo do BNG, exemplificado en persoas como Encarna Otero e Olga Pedreira, cun labor fundamental na Cidade Histórica; Néstor Rego e Elvira Cienfuegos, con políticas revulsivas no Medio Ambiente; Xosé Manuel Iglesias, na Promoción Económica; Soco García, en Cultura e Centros Socioculturais; ou Manuel Portas no ámbito da Participación veciñal e Deportes. “No BNG sumamos experiencias e recoñecemos o seu traballo de transformación da cidade”, explicou.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín destacou que o BNG aposta por “abrir unha nova etapa para deixar atrás os catro anos infames do PP e o desleixo de Compostela Aberta de falta de proxecto para este concello”. “Temos que saír do conformismo instaurado, pasamos dunha etapa negra do PP a unha etapa gris de CA, non podemos permitirnos un estancamento porque ese é o primeiro sinal para retroceder”.

“O Goberno de CA non está á altura do que Santiago precisa e merece”, explicou, “pola súa mala xestión” que exemplificou cos comedores escolares, coa recollida de lixo, coa invasión de vehículos na Cidade Histórica e co pagamento a 84 días a provedores, o triplo de tempo en que deberían. “Iso ten consecuencias, porque ao incumprir o período legal dos 30 días de pago a provedores os remanentes de 3 millóns de euros van ir para os bancos a amortizar débeda”, engadiu.

Para Goretti Sanmartín, Compostela Aberta ten “mal equipo e mala dirección de equipo”, “cada concellaría parece un compartimento estanco, van por libre e non existe transversalidade nas políticas; por iso hai unha falta de proxecto”. Todas as obras que fixeron son da etapa anterior, como as de Castrón Douro, Montero Ríos; e algunha novidosa foi da oposición, “no noso caso a do Banquete de Conxo que foi unha proposta do BNG”. Subliñou tamén a falta de peso político na negociación con outras administracións, como a depuradora, que continúa a verter e contaminar os ríos. Referiuse ademais ao incumprimento das promesas electorais como a alimentación de proximidade nos comedores escolares, a privatización de novos servizos, na participación veciñal e a transparencia. Lembrou que o BNG apoiou os Orzamentos de Compostela Aberta nun primeiro momento, ao aceptar propostas na negociación como o cambio da cuberta da piscina de Sar, o aparcadoiro no Campus sur ou o parque das Hortas, entre outros, que non se fixeron pese ao acordo.

Así, reivindicou “a forza nacionalista, orgullosa, que reivindica o noso e ao mesmo tempo que construímos Santiago tamén temos un proxecto para o conxunto do país, porque temos unha experiencia acumulada”. “Santiago non se pode improvisar, cómpre planificar que Santiago queremos para dentro de 10 anos”, afirmou. “Queremos ese Santiago onde se poida vivir e traballar, onde todo o mundo se poida sentir orgulloso de ser” e puxo como exemplo o modelo seguido en Pontevedra de transformación con ousadía cunha perspectiva a medio prazo. O BNG pode poñer enriba da mesa esa experiencia e esa capacidade de xestión, engadiu, “porque somos un equipo con enerxía e de fiar porque cumprimos aquilo que dicimos”.

“A dereita non ten posibilidades de volver gobernar Santiago”, afirmou, “hai que decidir que goberno queremos onde o BNG vai ser determinante, canto mellor lle vaia ao BNG, mellor lle vai ir a Santiago porque sempre poñemos por riba os intereses da veciñanza”.

Ademais, anunciou un acto político en formato de cea que será o 30 de novembro ás 20:30 no Palacio de Congresos “onde estamos a convidar asociacións veciñais, militancia e persoas que queiran achegarse a escoitar e compartir este momento en que o BNG vai a por todas porque vai ser unha forza determinante para transformar esta cidade”.