URBANISMO

Goretti Sanmartín: “Calquera día van saír polos balcóns do pazo de Raxoi expedientes de Urbanismo que levan meses sen tramitar”

Pazo de Raxoi
Pazo de Raxoi

Instará no Pleno a cubrir a baixa da persoa encargada da xestión das licenzas de apertura de negocios e primeira ocupación de vivendas

Goretti Sanmartín: “Calquera día van saír polos balcóns do pazo de Raxoi expedientes de Urbanismo que levan meses sen tramitar”

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha iniciativa que levará ao vindeiro Pleno para contribuír a resolver a situación de colapso que padece o departamento de Urbanismo agravada pola baixa laboral da arquitecta encargada da xestión das licenzas de apertura de negocios e primeira ocupación de vivendas.

Lembrou que o BNG xa levara unha iniciativa en setembro de 2017 para aplicar un plan de choque para solucionar a demora no tempo de tramitación de licenzas de obra e actividade, “que causa problemas graves de tipo económico motivados por incumprimento de prazos de axudas, perda de avais bancarios, pagamento de alugueiros sen realizar actividade e problemas de subministración de empresas”.

Segundo explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa, nas últimas semanas acentuouse o malestar das persoas que teñen trámites de urbanismo abertos, porque a situación agravouse desde decembro de 2018 cando a persoa encargada das licenzas de primeira ocupación e inicio de actividade está de baixa laboral e non se cubriu esta praza. “Hai un local con expedientes de urbanismo amoreados, calquera día van saír polos balcóns do pazo de Raxoi expedientes sen tramitar de xente que leva meses e meses agardando para poder iniciar a súa actividade empresarial”, indicou. “Se queremos facer de Santiago unha cidade viva, con comercios que queiran abrir e asentar poboación, isto debe mudar porque son ducias e ducias de negocios e de familias afectadas por unha situación endémica que se agravou nos últimos meses no departamento de Urbanismo, a pesar do esforzo do funcionariado para intentar poñer algo de orde”, engadiu.

“Trátase dun problema estrutural que non se quixo acometer, porque xa en setembro de 2017 houbera unha promesa do alcalde de realizar unha modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT)”, explicou. Así requiriu que na Oficina de Información haxa un asesoramento “de primeira man para que os expedientes cheguen ben desde o punto de partida ao servizo correspondente, o que axilizaría a súa tramitación”.

Deste xeito, instou a que “con carácter de urxencia substituír a persoa que está de baixa, non pode ser que da persoa que dependen cuestións tan importantes como as licenzas de primeira ocupación e apertura non sexa substituída cunha interinaxe para comezar a tramitar eses expedientes parados durante estes últimos meses aos que se suman os que tiñan atraso acumulado”.

Requiriu tamén realizar unha modificación da Relación de Postos de Traballo para axilizar o trámite das licenzas a través da incorporación de persoal especializado á Oficina de Información, ademais de convocar de urxencia as prazas xa previstas na RPT. A isto súmase que o Concello ten que incorporar de urxencia todas as prazas da Oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación de acordo co ditaminado en sentenza xudicial, engadiu.