XACOBEO

Goretti Sanmartín, sobre o cambios na Xunta: “Feixóo fixo un cambio de cromos; non houbo renovación a fondo e mantén o desinterese á cultura galega, á lingua galega e a todo o feito no noso país”

“Agardemos que o feito de integrar o Xacobeo en Cultura non signifique que deixe de elaborar programación cultural”, explicou

Goretti Sanmartín, sobre o cambios na Xunta: “Feixóo fixo un cambio de cromos; non houbo renovación a fondo e mantén o desinterese á cultura galega, á lingua galega e a todo o feito no noso país”

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2018.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, a preguntas de xornalistas sobre o cambio de conselleiros e conselleiras na Xunta en relación ao Xacobeo, sinalou que “a segregación de Educación e Cultura non significa que todo vaia ser mellor, falta moito por andar na coordinación entre as distintas administracións”.

Ademais, aludiu a que se descoñecen os obxectivos desta remodelación do Goberno da Xunta, “agardemos que o feito de integrar o Xacobeo en Cultura non signifique que deixe de elaborar programación cultural nin vaia en detrimento do apoio, xa moi escaso por parte da Xunta, a todo o que significa cultura galega”.

“O que procura o presidente da Xunta é un titular para eludir as razóns reais dun cambio de Goberno que vén motivado por solucionar os problemas do PP, para decidir cabezas de lista das cidades e o resto é un cambio de cromos”, advertiu.

“Non houbo unha renovación a fondo, simplemente díxose que era para apostar polo Xacobeo e desde o BNG non esperamos nada porque é máis do mesmo, un desinterese ao apoio á cultura galega, á lingua galega e a todo o feito no noso país”, engadiu a portavoz nacionalista en Raxoi.