ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín comprométese a fomentar a plantación de especies autóctonas nas áreas de propiedade municipal

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

O BNG de Santiago urxe a aplicar o Plan de Prevención de Incendios, en colaboración co Goberno galego

Goretti Sanmartín comprométese a fomentar a plantación de especies autóctonas nas áreas de propiedade municipal

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, comprometeuse a fomentar a utilización de especies frondosas nas novas repoboacións e favorecer a conservación de bosques antigos, ademais de promover plantacións de especies autóctonas nas áreas de propiedade municipal.

Coa finalidade de avanzar nas funcións produtiva, social e ambiental, a candidata do BNG aposta por recuperar zonas degradadas por incendios e apoiar a multifuncionalidade dos montes para a súa prevención. Neste sentido, urxe a aplicar o Plan de Prevención de Incendios, en colaboración co Goberno galego no establecemento de faixas de protección dos núcleos de poboación e con todos os axentes sociais e institucionais na prevención do lume.

Ademais, o programa do BNG inclúe un plan para erradicar as especies invasoras primeiramente nos espazos naturais e zonas senlleiras (acacias, eucaliptos, herba da Pampa…) de xeito prioritario nos espazos públicos como xardíns, parques e hortas urbanas, incluíndo unha campaña de difusión da súa problemática.

“Para o BNG é fundamental a educación ambiental, por iso queremos divulgar os valores e características ambientais e sociais dos parques e contornas naturais, fluviais e forestais de Compostela”, explicou, “así como promover prácticas de consumo responsábel, para o fomento do comercio local, os produtos de proximidade e ecolóxicos e a redución de residuos”. Para iso cómpre incrementar a oferta de programas de educación ambiental en centros de ensino e asociacións, ademais de promover itinerarios e visitas aos espazos de interese ambiental, engadiu.

Outra das iniciativas nesa liña consiste en desenvolver “programas de Fogares Verdes que permitan á cidadanía a adopción de medidas de aforro enerxético, consumo responsábel, redución e reciclaxe de residuos”.