ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín: “O Concello de Santiago debe marcar o Roteiro Rosaliano para dar a coñecer a nosa historia e dinamizar o comercio”

diarosalia01
Acto Rosalía

O BNG realizou un reparto de flores e poemas polo Ensanche compostelán para animar a participar no Día de Rosalía e na folga do 8 de marzo

Goretti Sanmartín: “O Concello de Santiago debe marcar o Roteiro Rosaliano para dar a coñecer a nosa historia e dinamizar o comercio”

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2019.- O BNG de Santiago realizou un reparto de poemas e flores polo comercio e as rúas do Ensanche para celebrar o Día de Rosalía de Castro. Goretti Sanmartín, candidata á Alcaldía, realizou un chamamento a celebrar esta data do 24 de febreiro e a secundar a folga do 8 de marzo.

En declaracións aos medios de comunicación, lembrou que no ano da morte de Rosalía, en 1885, abriu a panadaría San Luís, que vén de pechar recentemente. “Rosalía tivo moita presenza na nosa cidade, naceu no daquela concello de Conxo, hoxe integrado no concello de Santiago, mais hai moitos lugares onde viviu que hoxe están desaproveitados e deben ter a sinalética correspondente”, afirmou. Deste xeito, reivindicou que o Concello de Santiago debe facer un esforzo para marcar ese Roteiro Rosaliano para que se coñeza parte da súa historia e contribúa tamén a dinamizar o comercio local. “Esta é unha reivindicación tamén do pequeno comercio, para nesta zona haxa monumentos, espazos e memoria que axuden a entender a nosa historia e símbolos de identidade; un deles é o monólito de Rosalía de Castro”.

Así, afirmou que o BNG se suma á petición da asociación veciñal Raigame de que este monumento de Rosalía de Castro se sitúe fóra das reixas do parque, para gañar visibilidade e accesibilidade, pois está oculto.

“Rosalía é un tesouro para Compostela, é unha muller moderna, avanzada, feminista, comprometida, que estará na primeira liña das manifestacións do 8 de marzo e secundará a folga de mulleres para defender os nosos dereitos e non retroceder”. Realizou un chamamento ás mulleres “para realizaren esa folga laboral e de coidados para conseguir outro mundo soñado e cantado por Rosalía nos seus poemas, porque é unha guía para o conxunto da poboación”.

Aproveitou tamén para animar a participar nos actos en conmemoración do Día de Rosalía convocados polo Concello de Santiago, pola Fundación Rosalía de Castro, pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, que hoxe comezou o Bloque Nacionalista Galego.

Tereixa Novo, caracterizada como Rosalía de Castro, expresou a súa satisfacción pola conmemoración do 132 aniversario do seu nacemento. “Sei que todas xuntas ides conseguir todo aquilo que soñamos; unha Galiza xusta e con futuro, un idioma con mil primaveras, que todas as mulleres poidan vivir tranquilas e ser libres, que non teñamos que agocharnos, escapar nin morrer asasinadas”, afirmou. Animou tamén a todas as mulleres a secundar a folga do 8 de marzo e a participar nas manifestacións do 3 de marzo en Lugo e en Compostela o propio Día Internacional das Mulleres.

Goretti Sanmartín: “O Concello de Santiago debe marcar o Roteiro Rosaliano para dar a coñecer a nosa historia e dinamizar o comercio”