Goretti Sanmartín considera positivas as xestións para acurtar os prazos da depuradora, mais reclama compromisos por escrito

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Demanda unha partida nos Orzamentos de 2020 para comezar a obra en 2021

Goretti Sanmartín considera positivas as xestións para acurtar os prazos da depuradora, mais reclama compromisos por escrito

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, estima positivas as xestións da depuradora por parte do Goberno local para acurtar os prazos, mais reclama compromisos por escrito para non perder os fondos europeos.

Deste xeito, considera oportuno que se poña a estación depuradora de augas residuais “como prioridade política e que se fagan as viaxes necesarias para intentar acurtar os prazos, mais faltan compromisos escritos tanto dunha partida consignada xa nos Orzamentos de 2020 como que os prazos se acurten para comezar a obra en 2021”, indicou, “pensamos que é algo factíbel para non perder os fondos europeos”.

Goretti Sanmartín aludiu tamén á necesidade dun compromiso para que “en caso de se perderen os fondos europeos, a reclamación do BNG é que exista un compromiso do Estado de que como obra de interese xeral ese financiamento sexa asumido polo propio Estado, como lle corresponde”. Así, estima que o alcalde debería vir de Madrid con ese compromiso por escrito, por se se perdesen os fondos europeos.

Para a portavoz do BNG, a noticia ten a súa parte positiva, “porque se están a realizar xestións para que dea tempo a cumprir os prazos, aínda que estamos en tempo de prórroga” para unha obra que hai tempo que tiña que estar feita. “Queremos que haxa todos os compromisos e garantías para que cando chegue o ano 2023 non teñamos que lamentar esa perda económica e se deixe de contaminar o medio”, concluíu.

Goretti Sanmartín considera positivas as xestións para acurtar os prazos da depuradora, mais reclama compromisos por escrito