INSTITUCIONAL

Goretti Sanmartín cualifica de "pouco ambiciosa a reunión de Bugallo e Feixóo, onde o Xacobeo opacou temas vitais para Santiago"

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Para o BNG debera figurar na axenda política a negativa do Concello de Santiago ao anuncio por parte do

Sergas de pechar 140 camas no CHUS e 7 dos 15 quirófanos durante o verán

Goretti Sanmartín cualifica de "pouco ambiciosa a reunión de Bugallo e Feixóo, onde o Xacobeo opacou temas vitais para Santiago"

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, ao fío do encontro que mantiveron o alcalde e o presidente da Xunta, e pola información que transcedeu até o momento, valorou a conversa de "pouco ambiciosa e onde o Xacobeo opaca prioridades de vital importancia para a veciñanza de Santiago de Compostela, tales como as demandas do rural, da Escola Oficial de Idiomas, Conservatorio e vivenda, entre outros".

Goretti Sanmartín lembrou a necesidade de revisar a asignación económica da Xunta ao abeiro do Estatuto de Capitalidade “moi lonxe dos 5,5 millóns de euros que estimaba o profesor César Caramés no seu estudo”, posto que nos Orzamentos dos últimos exercicios a cifra non supera os 2,5 millóns de euros.

Isto van ligado ao financiamento extraordinario para o Xacobeo 2021, explicou, porque Santiago de Compostela debe recuperar peso político como capital do país e para iso tamén é necesario que consiga o financiamento que lle corresponde polos custos que ten en exencións tributarias de edificios, de impostos de vehículos, vados, seguranza, rehabilitación do patrimonio e limpeza, entre outras cuestións.

Para o BNG, nesa reunión Bugallo tamén lle tiña que reclamar a Feixóo, no ámbito educativo, a ampliación da Escola Oficial de Idiomas e do Conservatorio Profesional de Música e a creación de novas escolas infantís ante a demanda de prazas existentes.

No plano da protección ambiental, demanda a consignación para a nova estación depuradora e incluír nos Orzamentos as obras para o saneamento e abastecemento no rural, xunto coa axilización da concentración parcelaria de Villestro e Figueiras.

Analizar a marcha do proxecto da estación intermodal, da residencia da terceira idade nas Fontiñas e o plan aparcadoiros disuasorios da época de Agustín Hernández como conselleiro son outros dos puntos que reivindica o BNG, ademais dun plan para a construción de vivenda de protección pública e da recuperación do proxecto de Xoán XXIII para xente moza.

Do mesmo xeito que deberan figurar na axenda política a construción do novo centro de saúde de Conxo e a negativa do Concello de Santiago ao anuncio por parte do Sergas de pechar 140 camas no CHUS e 7 dos 15 quirófanos durante o verán, pois esta decisión da Xunta supón un problema para a boa saúde da veciñanza de Compostela.