ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín: “Damos a benvida a todas as persoas que antes votasen por quen votasen, este 10N collerán a papeleta do BNG”

mitin10N
mitin10N

No acto central en Compostela convidou “a facer unha viaxe colectiva co BNG” para defender os intereses de Santiago e de Galiza no Congreso

Goretti Sanmartín: “Damos a benvida a todas as persoas que antes votasen por quen votasen, este 10N collerán a papeleta do BNG”

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2019.- A portavoz municipal nacionalista, Goretti Sanmartín, animou no acto central do BNG en Compostela a votar pola candidatura de Néstor Rego ao Congreso e de Tereixa Novo ao Senado, para defenderen os intereses de Santiago de Compostela e de Galiza nas Cortes Xerais. “Achegarse ao BNG significa un punto de inflexión, o primeiro paso dun percorrido que cambiará e mellorará a vida da xente deste país”, explicou ante centos de persoas que asistiron ao mitin no hotel Araguaney.

Durante a súa intervención, convidou a facer “unha viaxe colectiva co voto ao BNG o próximo domingo” para acompañar os deputados e deputadas a Madrid. Destacou a implicación do BNG coa lingua, feminismo, ecoloxía, xustiza social e soberanía como os camiños que atraen persoas ao nacionalismo.

“Unha viaxe colectiva, a de todo un país, hai que preparala con ganas, con ilusión, con forza e con garantías”, sinalou Goretti Sanmartín. Destacou que no BNG esta viaxe está preparada baixo a batuta dunha muller, a portavoz nacional Ana Pontón, “coa que traballamos os 365 días do ano para achegar cada vez máis voces, máis afectos, máis propostas e máis ideas”.

Goretti Sanmartín referiuse á necesidade de “abrir camiños novos, que son onde comeza o amor por este país” e, deste xeito, deulle “a benvida a todas as persoas que, votasen a quen votasen con anterioridade, achegáronse neste momento e van votar BNG o vindeiro domingo”.

Destacou tamén que “todo este esforzo, este traballo, este caudal de simpatía que está a espertar o BNG, abre camiños a esperanza e será o principio dun feito histórico: o fin de Feijoo á fronte da Xunta de Galiza”.