PLENO

Goretti Sanmartín defenderá unha moción para elaborar un “mapa de coidados” que reduza a precariedade neste ámbito

“Con isto pódese avanzar na procura dun modelo de cidade que incorpore a ética dos coidados á xestión municipal, o que implica gobernar desde os principios da corresponsabilidade e da perspectiva de xénero”, explica

Goretti Sanmartín defenderá unha moción para elaborar un “mapa de coidados” que reduza a precariedade neste ámbito

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2018.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, defenderá no vindeiro Pleno unha moción destinada a elaborar un “mapa de coidados” para asumir a corresponsabilidade social de atender persoas dependentes e loitar contra a precariedade de quen realizan este traballo.

Santiago de Compostela ten a oportunidade de elaborar un “mapa de coidados” que identifique as prioridades para avanzar na construción dun sistema público de coidados de persoas dependentes, incluída infancia, que sexa universal e loite contra a precariedade das persoas que fan este traballo.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, “se entendemos a corresponsabilidade individual como o reparto de tarefas entre homes e mulleres para romper coas relacións de xénero tradicionais e a corresponsabilidade familiar como un pacto interxeracional que habitúe á responsabilidade colectiva no sostemento económico e afectivo do fogar”, a chamada “corresponsabilidade social” debe ser “entre diferentes axentes sociais, gobernos, institucións, empresas, sindicatos e organizacións non gobernamentais”.

Neste sentido, os “mapas de coidados” son plans asistenciais que se aplican de xeito coordinado entre todos estes axentes a doentes cunha determinada patoloxía e un curso clínico e vital predicíbel ou a persoas que carecen de total autonomía ou posúen algunha limitación. “Con isto pódese avanzar na procura dun modelo de cidade que incorpore a ética dos coidados á xestión municipal, o que implica gobernar desde os principios da corresponsabilidade e da perspectiva de xénero”, como factores sociais determinantes da mellora da saúde, da autonomía persoal e dos procesos vitais, con eixes incardinados na xestión da administración máis próxima ás persoas, como son os concellos, ás unidades familiares, atención domiciliaria e de barrio, sinalou.

“Un cambio de roles na atención do traballo doméstico e de coidados que recaeu historicamente nas mulleres, de xeito silencioso e invisibilizado, supón un revulsivo económico e social tendo en conta o incremento da esperanza de vida, o envellecemento demográfico e a escaseza de oferta destes servizos públicos”, recolle o texto da moción.

As políticas públicas deben atender este feito con atención ao principio de universalidade dos coidados: todas as persoas nalgún momento das súas vidas teñen a necesidade e deben ter o dereito a seren coidadas, polo que os concellos en canto son titulares das obrigas de respectar, protexer e facer efectivos os dereitos humanos, non poden limitarse a seren tramitadores do servizo, teñen que incorporar a responsabilidade de seren efectivos no plano social.

Deste xeito, o Concello, como responsábel de políticas públicas de coidados, debe avaliar o desenvolvemento e a saúde social para poder actuar de xeito activo e atender á prevención das necesidades do coidado. Así, pode impulsar iniciativas de emprendemento de economía social neste ámbito, na procura de mellorar as condicións de traballo e a seguranza vital das persoas que os realizan, ao tempo que contribúe á xeración de emprego nun sector en que a demanda é alta e crecente.