PLENO

Goretti Sanmartín defenderá no Pleno unha moción para controlar a expansión de casas de xogos de apostas

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
A adicción ao xogo afecta ao 30% de menores de 35 anos e supón un problema económico e social
Goretti Sanmartín defenderá no Pleno unha moción para controlar a expansión de casas de xogos de apostas

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha moción que defenderá no vindeiro Pleno para que o Concello de Santiago controle a expansión de xogos de apostas que afectan á economía e poden causar ludopatía, pola cantidade de xente nova que cae nesta adicción pola proliferación da publicidade das casas de apostas.

Segundo explicou en rolda de prensa, en Santiago de Compostela e en Galiza “a proliferación dos xogos de apostas, xunto cos seus efectos na poboación, representan un problema social”.

Deste xeito, a portavoz municipal achegou datos sobre a situación do negocio do xogo actualmente. Nos Orzamentos Xerais do Estado, a previsión para 2019 de ingresos aplicados no desagregado de tributos sobre o xogo en Santiago de Compostela era de 53 millóns de euros (525.000 euros en casinos, 9.019.000 euros en bingos, 41.049.000 euros en máquinas e 3.222.000 euros no resto).

“Causa arrepío ver como en Galiza hai un salón de apostas por cada 17.000 habitantes e no Estado un por cada 12.000 habitantes”, sinalou, “e algo que nos preocupa de maneira especial é a idade media de inicio entre a xente que acode a pedir axuda por ludopatía é de 18 anos, o que significa que hai moitísimos mozos e mozas que comezaron a xogar sendo menores de idade”.

“A media de idade de adicción ao xogo afecta a un 30% de menores de 35 anos e o certo é que hai unha cantidade máquinas de xogo impresionante, pois hai 3.600 máquinas de apostas nos locais de hostalaría en Galiza”, que supoñen un terzo máis das 2400 autorizadas pola Xunta.

A Xunta non cumpriu co compromiso de facer unha nova Lei do Xogo para afrontar este problema de saúde pública e o BNG entende que debe contar na súa elaboración co consenso dos grupos políticos e tamén coas asociacións que traballan no ámbito da rehabilitación, explicou. Cando no Sergas non hai equipos específicos para estes tratamentos continuados e axeitados, a Xunta de Galiza aínda non recoñece as asociacións específicas dedicadas á rehabilitación de persoas con adiccións sen substancia e ludopatías como centros de referencia de tratamento que permitan a detección e derivación temperá por parte dos facultativos e outras/os profesionais a estas entidades.

Lembrou tamén que recentemente xurdiu a polémica pola publicación dunha información sobre a concesión de autorización, por parte da Vicepresidencia da Xunta, para instalar unha terminal de apostas no recinto deportivo do Multiusos Fontes do Sar, tendo en conta que se trata dun instrumento que pode causar adicción e ludopatía, ademais de afectar á economía. A pesar de estar autorizada nunca se chegou a instalar. Hai uns días procedeuse á extinción e cancelación desta autorización, posto que a empresa solicitante expresou non ter interese en instalar a máquina.

“Diante deste problema social e da proliferación das casas de apostas, Santiago de Compostela tamén ten que ser referente en políticas que controlen a súa expansión e, sobre todo, para evitar que a xente máis nova que sofre problemas de precariedade laboral e desemprego vexa que un golpe de sorte que lle poden traer as casas de apostas a solución aos seus problemas mentres estas empresas continúan a facerse de ouro”, indicou Goretti Sanmartín.

Na moción do BNG propóñense como acordos instar a Xunta de Galiza a consensuar unha nova Lei do Xogo e a considerar as asociacións específicas dedicadas á rehabilitación de persoas con adiccións sen substancia e ludopatías como centros de referencia de tratamento.

Propón tamén estudar vías de colaboración entre a Policía local e a Policía nacional para que se realicen un maior control e supervisión das persoas que entran nos salóns de xogos, casas de apostas ou outros tipo de instalacións habilitadas para xogos ou apostas co fin de facer cumprir a lexislación en materia de acceso a estes lugares.

Defende prohibir a publicidade sobre apostas (tanto casas de apostas, apostas on line e demais formas de xogo) nas instalacións municipais e demais soportes dependentes do Concello de Santiago de Compostela.

O BNG quere tamén que o Concello de Santiago de Compostela unha campaña para informar das consecuencias dos xogos de apostas tendo en conta o dano que causan, especialmente, entre a mocidade e como afectan á economía e á vida das persoas e da súa contorna, ademais de organizar, en colaboración coas ANPA, charlas nos centros de ensino para a prevención de ludopatías e outras adiccións sen substancia.

Ademais, quere elevar a taxa municipal de apertura para “casinos, bingos e salas de xogo” e instar ao Goberno do Estado a reformar a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual e a Lei Xeral de Publicidade para que se regule a publicidade das Casas de Apostas e se limite que estas empresas poidan publicitarse para facer efectiva a protección do público infantil e xuvenil e impulsar o Real Decreto de Comunicacións Comerciais das Actividades de Xogo e de Xogo Responsable co obxectivo de restrinxir a publicidade para xogos e apostas on line.