ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín destaca o compromiso do BNG para fomentar sinerxías entre USC, colectivos empresariais e Concello para a creación de emprego xuvenil

Reunión do BNG co Foro Cívico Empresarial na Cámara de Comercio
Reunión do BNG co Foro Cívico Empresarial na Cámara de Comercio

O BNG mantivo unha reunión co Foro Cívico Empresarial de Santiago para contrastar propostas para a cidade

Goretti Sanmartín destaca o compromiso do BNG para fomentar sinerxías entre USC, colectivos empresariais e Concello para a creación de emprego xuvenil

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, reuniuse con representantes do Foro Cívico Empresarial de Santiago de Compostela para intercambiar e recoller as súas propostas para o desenvolvemento da cidade. Destacou o compromiso do BNG para estabelecer sinerxías entre USC, colectivos empresariais e Concello, con proxectos en común destinados a propiciar a creación de emprego xuvenil.

Acompañada do concelleiro Rubén Cela e do número 3 da lista electoral, Lois Calvelo, compartiu a preocupación do BNG pola demora nas obras de diversas infraestruturas como o Orbital, que non estará concluído até despois do Xacobeo e tamén afecta ao rendemento da zona industrial norte, polo que resulta prioritario dotalo de fondos nos Orzamentos Xerais do Estado e executar este compromiso canto antes.

Referiuse á estación de mercadorías da Sionlla, posto que coa estación intermodal desaparece esta función. Explicoulles que esa intermodal non é o proxecto do BNG, mais que se pode mellorar coa eliminación da cláusula de 3,5 millóns de pasaxeiros/as e no relativo á pasarela, da que non se debera ter que facer cargo do seu mantemento o Concello. Ademais, destacou que o aparcadoiro resulta insuficiente se a idea é que sirva de intercambiador para favorecer o uso do transporte público colectivo, ademais de que cómpre buscar unha solución á mobilidade de Clara Campoamor, cun estudo pormenorizado de como afecta o incremento de tráfico e, en especial, ao tránsito de autobuses nesa rúa.

En canto á organización do Xacobeo, Goretti Sanmartín trasladoulles que por parte da Xunta a previsión comezou tarde e xa se detecta falta de coordinación entre administracións, ademais de que ten que servir para aplicar criterios de sustentabilidade, con retorno económico e social. Para evitar a decadencia posxacobeo xulga que hai que programar para períodos máis longos, de entre 3 e 5 anos e que, por tanto, deberiamos ter como guía a necesidade aproveitar o Xacobeo para mellorar as condicións de vida veciñanza, do sector cultural, hostaleiro e comercial e considerar xa unha etapa que vaia desde o 2020 ao 2025.

Informou tamén da falta de execución do acordo do BNG co Goberno local para a realización dun aparcadoiro público no campus sur que servise para o Ensanche; ademais das iniciativas da formación nacionalista para a creación de prazas de estacionamento na zona do Conservatorio e as de carácter disuasorio en diversos puntos da cidade.

A candidata expresou a preocupación do BNG polo baixo grao de execución dos Orzamentos municipais, a mala xestión ordinaria, as demoras no pagamento a provedores e a dificultade de diálogo de Compostela Aberta que provocan tamén unha falta de peso político de Santiago como capital do país.

No relativo ao Plan Especial da Cidade Histórica, sinalou que foron catro anos perdidos no Plan Especial da Cidade Histórica, que precisa un diagnóstico claro, con servizos e dotacións para ter calidade de vida acorde ao século XXI, ademais da necesidade de mellorar a limpeza, recollida de lixo, instalación de banda larga para favorecer o incremento de persoas residentes.