Goretti Sanmartín destaca a “ocasión perdida” para mudar o modelo turístico de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
O Plan de Sustentabilidade Turística vai orientado ao Xacobeo pre-covid e non incide en diversificar e desestacionalizar a oferta para visitantes
Goretti Sanmartín destaca a “ocasión perdida” para mudar o modelo turístico de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, manifestou que as accións que recolle o Plan de Sustentabilidade Turística son unha “ocasión perdida” para aplicar medidas consensuadas co sector e cos grupos municipais para impulsar o cambio de modelo turístico que precisa Santiago de Compostela de cara a revitalizar a Cidade histórica, a desestacionalización e diversificación da oferta.

Goretti Sanmartín fixo estas declaracións ao fío da xuntanza do alcalde co secretario de Estado de Turismo e do conselleiro de Turismo para presentar o Plan de Sustentabilidade Turística de Santiago. “É unha ocasión perdida porque, pese a contar cun investimento importante de 3 millóns de euros, non inclúe accións novas que poidan ser eficaces para contrarrestar un diagnóstico en que coincidimos onde hai unha falta de vida e de servizos na Cidade histórica que pode acabar sendo letal”, sinalou. Para evitalo, hai que conseguir diversificar e desestacionalizar o turismo e levalo a outras zonas da cidade, ademais de reforzar o turismo verde e cultural.

Neste Plan de Sustentabilidade Turística, o Goberno municipal inclúe moitas accións que tiñan previsto realizar na contorna da Catedral, no pazo de Raxoi, na propia praza do Obradoiro e de Praterías que estaban orientadas para o Xacobeo pre-pandemia, “mais que non son acaídas neste momento en que é necesaria unha reflexión do que vai significar a crise da covid para o turismo e onde xa tiñamos deseñadas outra serie de liñas que van no sentido de potenciar o patrimonio de Santiago noutros lugares, os barrios e o rural ao que non se dedica nin unha soa liña nese documento”.

Viveiro de comercios para revitalizar a Cidade histórica

Deste xeito, propuxo que este plan sería idóneo “para crear un viveiro de comercios, para profesionais e persoas autónomas que lle deran vida á zona vella”, unha das ideas propostas polo BNG para comprar e rehabilitar eses locais e poñelos á disposición da xente que quixese comezar o seu negocio. “Iso sería moito máis audaz, valente e atrevido que facer pequenas obras de remodelación que redundan no núcleo actual de turismo compostelán”. No lado positivo, o documento inclúe a creación do Centro da Cultura Gastronómica de Galiza ou potenciar as Brañas de Sar, actuacións coas que coincide o BNG.

Este informe non foi participado nin co sector nin houbo reunión do Consello de Administración de Incolsa, nin do Consello Municipal de Turismo nin coa oposición, que só tivo coñecemento del despois de ser presentado publicamente. Desa maneira, “ficaron cantidade de cuestións sen incluír, vinculadas á necesidade de potenciar o turismo interno, o turismo galego e de proximidade que, sen dúbida, nos próximos tempos é o que pode salvar a situación”.

“Dentro dese turismo interno, hai que facer un reforzo fundamental para que a xente que vive en Compostela coñeza o seu patrimonio, comezando por unha campaña dirixida ao estudantado universitario que moitas veces non coñece o rural, o Castelo da Rocha, a Colexiata de Sar, os petróglifos ou os lavadoiros e hai moito por facer para conseguir que haxa un amor e un coñecemento polo patrimonio, para que iso poida servir para a súa revalorización”, destacou Goretti Sanmartín.

 

 

Goretti Sanmartín destaca a “ocasión perdida” para mudar o modelo turístico de Santiago de Compostela