INTERMODAL

Goretti Sanmartín empraza Bugallo a xestionar un cambio no convenio da intermodal para suprimir a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros/as e que ADIF inicie a súa parte da obra canto antes

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Esta condición supón un agravio comparativo con respecto a outras cidades onde non se requiriu

Goretti Sanmartín empraza Bugallo a xestionar un cambio no convenio da intermodal para suprimir a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros/as e que ADIF inicie a súa parte da obra canto antes

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, empraza o alcalde a demandar unha modificación do convenio para a construción da estación intermodal de Santiago de Compostela “co fin de suprimir, por escrito, a cláusula que condiciona a execución desta infraestrutura a alcanzar 3,5 millóns de persoas que utilicen os servizos ferroviarios na capital de Galiza” para que se inicien as obras que lle corresponden ao ADIF canto antes.

O Concello de Santiago, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e a Xunta asinaron un convenio o pasado 15 de xuño de 2016 para a construción da terminal da estación intermodal cunha cláusula que manifestaba que a execución destas obras -por parte de ADIF- se iniciaría cando o número de viaxeiros/as que utilicen os servizos ferroviarios en Santiago de Compostela alcance a cifra de 3.500.000.

Esta cláusula foi obxecto de controversia nos últimos 3 anos porque o Goberno municipal daquela non conseguiu a modificación por escrito do convenio para eliminar esa cláusula, pese ao acordo verbal expresado en maio de 2017 e de solicitalo nas diversas reunións que tiveron con representantes de Fomento e de ADIF. Esta cláusula supón un agravio comparativo con respecto a outras cidades onde non se requiriu.

O ADIF anunciou esta semana a aprobación da redacción do proxecto da estación intermodal de Santiago de Compostela e reiterou que executará a súa parte das obras cando o número de viaxeiros/as alcance a cifra de 3,5 millóns ao ano, segundo estabelece ese convenio. Neste momento, as obras que están en execución son as correspondentes á Administración galega, que deberían de ir acompasadas coas que son competencia estatal.

Por iso, o grupo municipal do BNG rexistrou unha pregunta para coñecer se o alcalde vai realizar as xestións necesarias para a modificación do convenio da estación intermodal co fin de suprimir esta cláusula limitativa para que se poidan iniciar as obras que lle corresponden ao ADIF canto antes.