PLENO

Goretti Sanmartín: “Estamos en tempo de mudanzas, onde se precisan novas formas de facer política”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Reclama un pacto do Concello coa veciñanza “para acabar co engano e que se poñan en marcha os investimentos aprobados”
Goretti Sanmartín: “Estamos en tempo de mudanzas, onde se precisan novas formas de facer política”

En 2019 quedaron 12 millóns sen gastar, pese ás necesidades existentes, e a execución do capítulo de investimentos continúa por debaixo do 25%

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, sobre o Pleno extraordinario para dar conta da liquidación do Orzamento 2019 e as propostas de expedientes de crédito extraordinarios para gastos xerais e sociais, reclamou que o Concello debe anticiparse para brindar solucións á situación crítica derivada da pandemia do coronavirus, “pois estamos en tempo de mudanzas, onde se precisan novas maneiras de facer política”. Así, reclama un compromiso do Concello coa veciñanza de Santiago para “acabar co engano e que se poñan en marcha os investimentos aprobados”.

O BNG considera que “non se pode dar por bo que existan 12 millóns de superávit e que iso poida venderse como un logro de boa xestión, porque é todo o contrario”. Así, sinalou que os datos da liquidación orzamentaria son “consecuencia dunha mala xestión” e que tiñan que estar a 31 de marzo, e non o 23 de abril, e que aínda hoxe non está publicada na páxina web municipal. “Nesa liquidación, máis unha vez, comprobamos que entre o que se di cando o goberno presenta os orzamentos e o que se fai realmente hai unha diferenza que é unha fraude á cidadanía, sobre todo no capítulo de investimentos, que continúan por debaixo do 25%”, advertiu.

Despois da premura para aprobar o Orzamento en agosto de 2019, os gastos que non se executaron foron máis que 12 millóns, que é simplemente o resultado da diferenza entre ingresos e gastos que cautelarmente se poden reinvestir e que o Goberno de PSOE e Podemos non facilitou que puidesen dedicarse a necesidades da poboación en vez de rematar maioritariamente na amortización da débeda, co que seguen a beneficiar a banca. Deste xeito, Goretti Sanmartín reclamou “que non se continúe co engano, que se execute o que se orza, que se faga un verdadeiro pacto para que ese compromiso con santiaguesas e santiagueses sexa unha realidade”.

Para o BNG é importante saber que entre a relación de gasto social que se vai realizar comezan a entrar cada vez máis gastos que non son competencia municipal, como neste caso o sanitario a través da compra de medicamentos a persoas en situación de vulnerabilidade social. “Sen opoñernos a que estes gastos se realicen, desde o BNG non nos cansaremos de esixir que a Xunta ten que asumir as súas competencias para o que cómpre elaborar un plan galego de reactivación económica e social consensuado entre as diferentes administracións, forzas políticas, sectores e axentes sociais”, explicou. Este proceso debe ser dirixido polo Goberno galego e referendado polo Parlamento galego.

“Se quixermos abordar este debate de fondo tropezamos outra vez coa Lei Montoro e xa non cunha Lei do ano 2012 senón coa negativa ou imposibilidade do PSOE para modificar a normativa e facilitar que os concellos poidan facer uso do seu superávit”, explicou. “Ese é o debate de fondo e na situación en que nos encontramos, moita xente se escandalizará de coñecer que temos 12 millóns para gastar mais que só poderemos investir realmente 1.145.754 por limitacións normativas”, engadiu.

Igualmente, o Goberno do Estado acaba de darlle un golpe ao sector comercial ao permitir que haxa rebaixas para a venda on-line.

Para o BNG é preocupante tamén que, caso de existir a posibilidade de dedicar unha parte do superávit a investimentos financeiramente sustentábeis, segundo o informe de Intervención ese expediente de gasto debe iniciarse antes de rematar o exercicio 2020, cando non se coñecen aínda as previsións do Concello, pois queda pendente elaborar o Plan de cultura local, entre outros, que quedou posposto a expensas do que facían outras administracións.

“Nestes tempos de urxencias, con tanta xente que precisa xa un compromiso das administracións, o Goberno local o que ten que facer é anticiparse e ter diferentes plans para pór en marcha e brindarlle solucións á veciñanza, profesionais e asociacións que dependen destas novas normas e axudas institucionais”, sinalou.

 

 

 

 

 

Goretti Sanmartín: “Estamos en tempo de mudanzas, onde se precisan novas formas de facer política”