ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín e Esther Martínez propoñen un plan de mellora integral dos centros de ensino

Goretti Sanmartín e Esther Martínez
Goretti Sanmartín e Esther Martínez

“É unha irresponsabilidade non ter o contrato dos comedores en marcha con esas reivindicacións da Federación de ANPA para ter cociña de proximidade con produtos locais de tempada”, advirte a candidata

Goretti Sanmartín e Esther Martínez propoñen un plan de mellora integral dos centros de ensino

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2019.- O BNG de Santiago, logo de visitar as instalacións do CEIP de Roxos, presentou propostas “para garantir que haxa un ensino público que é a mellor garantía de que poida haber un ensino laico, democrático, inclusivo e que ofreza igualdade de posibilidades”. Para iso, Goretti Sanmartín propón un plan de mellora integral dos centros de ensino.

“Desde a nosa perspectiva, para que iso poida ser, hai un elemento central que é que a Xunta de Galiza ten que asumir as súas responsabilidades, porque ten as competencias e desde o Concello temos que esixir, dialogar e presionar para que as necesidades dos centros educativos de Compostela sexan unha realidade para que haxa unha mellor oferta educativa”, explicou Goretti Sanmartín.

“Como xa fixemos público, hai que mellorar e conseguir que haxa máis prazas de educación infantil e primaria, cun novo centro na zona sur de Santiago, concretamente no barrio de Santa Marta, que está en expansión; e tamén na futura escola infantil de San Caetano se pode ampliar o proxecto para que haxa un número de prazas ofertadas ao conxunto da poboación”, explicou.

Para o BNG, o máis importante, é que haxa un plan integral a catro anos, cun servizo de mantemento permanente para que os centros escolares estean en óptimas condicións cunha planificación en períodos non lectivos da realización das obras e das melloras necesarias para compatibilizar a escolarización, a convivencia, a práctica docente e a prestación de servizos de comedores escolares e de actividades de conciliación. “Entendemos que as obras do CEIP de Roxos non poden demorar máis, téñense que facer este verán”, reclamou.

Decepción na comunidade educativa

Ademais, Goretti Sanmartín advertiu de que a estas alturas non está licitado para ter os comedores escolares a punto este mes de setembro “é unha irresponsabilidade non ter ese contrato enriba da mesa, con esas reivindicacións da FANPA para que houbese cociña de proximidade, con produtos locais de tempada e cun programa piloto con cociña nun centro educativo, con esa relación de confianza e proximidade entre monitores e monitoras que van atender as crianzas”. Hai unha decepción importante na comunidade educativa ao non levarse a cabo ese proxecto piloto e tamén sobre que as actividades de conciliación e extraescolares se trasladasen a máis centros educativos, manifestou a candidata.

Convocará os consellos de participación na primeira semana de Goberno

Comprometeuse desde o BNG “á semana seguinte de entrar no Goberno a convocar os consellos de participación cidadá que estiveron paralizados neste período, máis neste caso cos problemas que existiron no ámbito educativo, e tamén para que os orzamentos de cada área sectorial, neste caso de educación, poidan pasar polo Consello Escolar Municipal e alí se poidan determinar as prioridades”.

Terreos municipais para ampliar as instalacións

Pola súa parte, a presidenta da ANPA do CEIP de Roxos e candidata do BNG, Esther Martínez, explicou que este centro ten “unhas instalacións antigas que precisan de renovación e neste momento son urxentes arranxos nos espazos comúns, tanto en reparacións como en ampliación”. Está previsto que no verán se constrúan tres aulas novas no edificio de educación infantil, “é unha boa nova porque son máis espazos mais é contraproducente no sentido de que esa construción elimina o patio cuberto, pois as aulas van na zona do espazo infantil”, advertiu. “Desde a comunidade educativa instamos á xefatura territorial a que non soamente cubra as aulas, senón a que cubra este parque infantil que desde a administración local se cambiaría de sitio”, engadiu. “Esa é a medida máis urxente porque quedamos sen zona de xogos no mes de setembro”, explicou.

“É un centro onde queda pequeno todo: as aulas, as zonas de xogos, os baños, o comedor”, sinalou. Deste xeito, a comunidade educativa reclama ampliar o patio do centro coa utilización de parte do terreo lindeiro que é municipal e permitiría facer un espazo común para a veciñanza.

“A proposta que asumimos como BNG é que estes terreos municipais poidan ser utilizados coa ampliación da zona do patio exterior do colexio, para dotalo dun parque infantil que poida ser utilizado no horario de mañá como zona de xogos e despois tamén pola veciñanza, que veñen sendo moitos dos nenos e nenas do centro ao que acoden de Roxos e de Villestro”, anunciou Esther Martínez.