INSTITUCIONAL

Goretti Sanmartín fai balance dos 100 días de Goberno de Bugallo e destaca a ambigüidade, falta de democracia e de transparencia

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Vai rematar setembro e o PSOE non puxo enriba da mesa a proposta de ordenanzas fiscais nin as liñas básicas para negociar os Orzamentos para 2020
Goretti Sanmartín fai balance dos 100 días de Goberno de Bugallo e destaca a ambigüidade, falta de democracia e de transparencia

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, cando se fan 100 días do Goberno de Xosé Sánchez Bugallo, destacou “a habilidade calculada para non definirse sobre problemas fundamentais, ademais da falta de democracia e transparencia”.

Despois dos primeiros cen días de goberno de Bugallo, o BNG quere salientar “a ambigüidade e a indefinición a respecto dos eixos polos que transitará a súa proposta de actuación en Santiago de Compostela”. “Outro aspecto significativo desta etapa é a falta de esforzo dun goberno en minoría por chegar a consensos positivos, cun talante e propostas que trasladan a falsa idea de estarmos diante dun goberno con maioría absoluta”, advertiu. Así referiuse ao que acontece cando o propio goberno local afirma que non se vai comprometer con aquelas cuestións aprobadas no Pleno sen os seus votos favorábeis ou cando aínda nos inicios do proceso de negociación dos orzamentos o que se pon enriba da mesa é a pretensión de os ligar a unha cuestión de confianza, cando aínda se descoñece a proposta.

No positivo destes 100 días sinalou a vontade de afrontar como unha prioridade política solucionar os numerosos contratos de servizos públicos en situación irregular. Por outra parte, no primeiro mes do mandato existiu un certo impulso a solucionar pequenas cuestións que son vitais para a veciñanza como a limpeza de rúas e de vexetación ou parcheado de fochancas, “mais o problema comeza cando superadas as semanas iniciais dá a sensación de falta de continuidade deste proceso, pois comezamos xa a recibir numerosas queixas neste sentido”. “Lembramos, máis unha vez, que non hai unha soa beirarrúa en bo estado na nosa cidade”, afirmou.

“A negativa de Bugallo a reclamar da Xunta de Galiza a cantidade que a Santiago lle corresponde polo Estatuto de Capitalidade demostra a renuncia a pelexar por aquilo que é xusto e que se reclamaba no período electoral”, sinalou.

Ademais, indicou que ao BNG lle preocupa o modelo turístico dun alcalde que só se fixa na cantidade de visitantes que chegarán a Santiago en 2021 e non en aproveitar o Xacobeo para mellorar as condicións de vida da veciñanza nin en lle dar posibilidades especiais para demostrar a súa enerxía creadora ao rico tecido cultural local e galego.

Síndrome de Pedro Sánchez ou imitador de Madrid

Vai rematar setembro e non puxo enriba da mesa a proposta de ordenanzas fiscais, nin tan sequera as liñas que seguirá, nin un primeiro achegamento á proposta orzamentaria. “Dá a impresión, de que o PSOE se está instalando nun escenario de desacordo, onde non se moverá das súas posicións iniciais, agás para se someter a unha cuestión de confianza”, explicou. “Non sabemos se Bugallo ten a síndrome Pedro Sánchez ou actúa como un imitador de Madrid”, afirmou. “De ser así, non será moi bo comezo para esta nova Corporación”, engadiu Goretti Sanmartín.

Deste xeito, lembrou que pese a que contan cun primeiro orzamento para os últimos meses de 2019 non se sabe se van reducir o período medio de pago a provedores aos 30 días que sinala a lei ou terá que continuar a dedicar os remanentes a amortizar débeda en vez de a investimentos necesarios para a cidade.

“Despois dunha campaña en que nos comprometemos, por iniciativa da FERUSA, a facer un pacto polo rural, non se levou adiante ningunha iniciativa para conseguir fondos adicionais para sentar os pasos de rematar cunha discriminación que non pode continuar e ignoramos se o grupo de goberno quere levalo a cabo ou non, con que recursos económicos se dotará e cales son os prazos e prioridades”, explicou.

Destacou tamén que se descoñece o modelo de comedores escolares que o PSOE quere implantar, cunha proposta provisional que é un parche que non responde ás demandas das ANPA para conseguir ofrecer un modelo de calidade, que aposte polos produtos frescos, a proximidade e a especialización funcional entre elaboración e transporte de alimentos e monitoraxe ou atendemento ao alumnado.

Outra das prioridades para o BNG e da que non se sabe se houbo mudanzas, son as medidas “para facilitar a axilización das licenzas e para facer que o Concello sexa facilitador da vida da veciñanza”, explicou.

Tamén cuestionou que non se convocase ningún Consello de Participación Cidadá, “nin tan sequera o de Educación para avaliar o tema do mapa escolar e dos comedores escolares nin o de Saúde, onde se aprobará a iniciativa de ter un Centro de Atención Integral para as persoas sen Fogar”. Ao fío disto, destacou que desde o BNG se pregunta como se pode ir en contra dunha decisión tomada por unanimidade nun organismo, sen reunilo previamente para valorar a situación.

Tampouco se están a aproveitar as sinerxías coa Universidade, coa posibilidade “de elaborar un plan ambicioso para recuperar a Residencia para o conxunto da poboación, eliminar boa parte dos vehículos que nel se instalan día a día, dotarse un aparcadoiro subterráneo e pór as infraestruturas deportivas, culturais e sociais da USC ao servizo do conxunto da poboación”. “Non nos parece o mellor comezar con parches neste terreo e non afrontar en serio os problemas da iluminación e a seguranza; non podemos permitir que haxa unha soa persoa, unha soa muller que non se sinta segura na volta a casa ou ao lugar de residencia”, explicou.

En canto aos problemas de transparencia, o BNG continúa a reclamar a presenza de todas as forzas da oposición nas mesas de contratación, algo que xa non aconteceu nos últimos meses do goberno de Noriega, así como apostar pola participación, non só dos grupos políticos senón do conxunto da poboación e colectivos interesados. “Un bo exemplo aconteceu esta fin de semana pasada, cando se inaugurou o FIC Rural e non estaban convidadas nin as asociacións do rural nin os grupos da oposición”, sinalou.

“En definitiva, fican aínda moitas incógnitas por despexar para poder confirmar se Sánchez Bugallo opta por transformar realmente Santiago e favorecer a maioría da poboación ou se vai moverse nunha calculada ambigüidade para facer aquilo que só el decida sen optar por ningún consenso nin realizar esforzos para mellorar as condicións de vida do conxunto da veciñanza”, concluíu a portavoz municipal do BNG.

Goretti Sanmartín fai balance dos 100 días de Goberno de Bugallo e destaca a ambigüidade, falta de democracia e de transparencia