ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín fai un recoñecemento ás entidades pola inclusión das persoas con diversidade “para seguir os seus pasos desde as administracións”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Entre as medidas do programa do BNG está a elaboración dun plan para a mellora da accesibilidade dos edificios e no transporte público

Goretti Sanmartín fai un recoñecemento ás entidades pola inclusión das persoas con diversidade “para seguir os seus pasos desde as administracións”

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2019.- Para Goretti Sanmartín, a inclusión das persoas con distintas capacidades “será un vector transversal de atención preferente en todas as liñas de acción política que promoverá o BNG no Concello de Santiago de Compostela”. A candidata do BNG fai un recoñecemento ás entidades pioneiras na inclusión social das persoas con diversidade “para seguir os seus pasos desde as administracións”.

Deste xeito, quere poñer en marcha un plan “para tratar a problemática da diversidade funcional, en colaboración coas entidades que realizan estes labores e desenvolven accións pioneiras de inclusión social”, para garantir a accesibilidade universal e a programación inclusiva “en todos o programas educativos desenvolvidos a nivel local e con programas específicos centrados na cultura, no lecer e no deporte”, afirmou.

Entre as medidas do programa do BNG está a elaboración dun plan para a mellora da accesibilidade dos edificios e no transporte público para garantir o cumprimento da normativa e avanzar na igualdade de oportunidades. De maneira especial atenderase á accesibilidade mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas nas vías e espazos públicos, explicou.

Tamén terá en conta medidas contra a dobre discriminación que padecen as mulleres con distintas capacidades e por cuestión de xénero, para o que aprobará e aplicará un plan local específico de acción a favor das mulleres con diversidade funcional.

Ademais, quere pór en práctica unha estratexia de formación e emprego das persoas con diferentes capacidades e crear un fondo local contra a exclusión e a pobreza que sirva para financiar actuacións de protección e promoción social.

Estas accións deberán ir acompañadas de campañas de sensibilización e vixilancia para garantir a mobilidade das persoas con dificultades.