XACOBEO

Goretti Sanmartín: “Gobernar para a veciñanza e non para o turismo ten que ser a prioridade”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
“Deben buscarse outras fontes de financiamento da Xunta e do Estado, mediante achegas ao Consorcio e á Capitalidade, que o alcalde continúa sen reclamar”
Goretti Sanmartín: “Gobernar para a veciñanza e non para o turismo ten que ser a prioridade”

“O superávit que o alcalde quere parcialmente gastar para o Xacobeo non pode reducir o diñeiro que lle corresponde a obras para a mellora da calidade de vida da veciñanza; non se poden destinar maioritariamente ao turismo”

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, realizou unha valoración do plan do alcalde para a preparación da Cidade histórica para o Xacobeo. “Como gobernar é priorizar, desde o BNG queremos manifestar o noso desacordo con este plan polo seu enfoque, máis pensado para fóra que para dentro, e tamén porque a súa elaboración non foi un modelo de participación”.

Deste xeito, o BNG aposta por “un verdadeiro liderado e plan de actuación para recuperar edificios históricos públicos ou privados”, como a Casa da Parra, en mans da Tesouraría da Seguridade Social ou a Sala Iago, “que foi unha proposta aprobada por unanimidade por esta Corporación o 15 de febreiro de 2018”, explicou. Considera necesario tamén un plan “para revitalizar e promover o comercio de proximidade non ligado ao turismo, a través dun viveiro de comercio” e realizar “unha verdadeira aposta pola vivenda pública, para conseguir que se poña en marcha o proxecto de vivendas para a mocidade en réxime de aluguer de Xoán XXIII, pois non se pode só acondicionar a parcela e ir pola vía de renunciar a esta demanda histórica”.

En canto á rehabilitación de vivendas, estima preciso un programa para mellorar, cuantitativa e cualitativamente, as liñas de subvención de insonorización e de illamento térmico de edificios da Cidade histórica, ademais de axilizar o plan para dotar de fibra óptica a zona vella.

Por outra parte, afirmou que “a maioría destas obras debían estar feitas a estas alturas” e destacou que o diñeiro das obras de preparación do Xacobeo “non pode vir de recortarlle servizos á veciñanza de Santiago, porque un bo alcalde  goberna para quen vive e traballa en Santiago, non para que nos visita un día ou unha semana”.

Ademais, cuestionou que remata xaneiro sen un borrador de orzamentos que defina as prioridades políticas e os investimentos que se realizarán en Santiago no ano 2020. “Dá a impresión de que este goberno vai de vender moito fume porque falar de cifras e de obras e deixar pasar o tempo e perder cando menos tres meses para executar o orzamento é unha mala noticia para composteláns e compostelás”, explicou.

Destacou tamén que no documento entregado ao BNG por parte do alcalde sobre actuacións urxentes na contorna da Catedral cara ao 2021 non consta orzamento nin figuran as administracións que se van encargar de realizalas.

No aspecto positivo salientou que na proposta hai cuestións necesarias como cambiar a compactadora de sitio ou retirar o tren turístico do Obradoiro, “demasiadas veces convertido nun plató televisivo ou nun aparcadoiro”, advertiu.

Mais tamén hai cuestións que inclúen que xa teñen o seu orzamento e posibilidades de desenvolvemento en programas como o Smartiago, como son as mudanzas necesarias no control de acceso de mercadorías ou a mellora da iluminación da Cidade histórica.

Porén, hai outras “que son discutíbeis quen as ten que financiar” ou que deberían ir acompañadas doutras prioridades. Referiuse, por exemplo, á procura de accesibilidade ao Museo da Catedral a través da porta do Arco de Xelmírez. “Está ben procurar esa accesibilidade, mais mellor estaría preocuparse da veciñanza que non ten ascensor na cidade histórica e nos barrios de Santiago ou na falta de accesibilidade en moitos lugares do propio Concello de Santiago”.

“O superávit que o alcalde quere parcialmente gastar para o Xacobeo non pode reducir o diñeiro que lle corresponde a obras para a mellora da calidade de vida da veciñanza; non se poden destinar maioritariamente ao turismo”, enfatizou. “Está ben que se realicen esas obras, mais deben buscarse outras fontes de financiamento da Xunta e do Estado, mediante achegas ao Consorcio e á Capitalidade, que o alcalde continúa sen reclamar”, explicou Goretti Sanmartín.