ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín: “Imos crear un Centro de Difusión da Cultura Galega na zona histórica”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Defende abrir unha liña de subvencións municipais a proxectos culturais singulares e con valor social

Goretti Sanmartín: “Imos crear un Centro de Difusión da Cultura Galega na zona histórica”

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, avanzou a proposta de crear un Centro de Difusión da Cultura Galega na zona histórica para aproveitar a condición turística do Concello como canle para a difusión das expresións culturais. A proposta é facelo na Casa da Parra. “O obxectivo é conseguirmos que haxa visitantes, da Galiza e de fóra, que veñan a Santiago por ser unha potencia cultural, ademais de viren atraídos/as para coñecer a Catedral”.

Goretti Sanmartín presentou estas iniciativas no debate entre persoas candidatas á Alcaldía organizado polo Ateneo, onde manifestou que a cultura é “un elemento de cohesión social e de identidade, de inclusión territorial e de fomento da sensibilidade, con inmensas potencialidades para o traballo con colectivos con dificultades especiais”.

Outra medida que adiantou foi abrir unha liña de subvencións a proxectos singulares, pola gran potencialidade creadora do concello, na liña dos proxectos singulares da Deputación da Coruña. Trátase de axudas para entidades ou empresas que presenten proxectos culturais cun valor social acrecentado, fundamentalmente de igualdade de xénero, defensa do ambiente e aposta pola inclusión de colectivos con diferentes capacidades, explicou.

O programa do BNG inclúe a creación dun Festival de música internacional como polo de atracción de visitantes do que tería que ser xa unha realidade: o turismo cultural como eixo central da aposta por un turismo de calidade. Do mesmo xeito que a creación dun Festival de Barrios durante todo o ano co obxectivo de descentralizar a programación cultural.

Goretti Sanmartín aposta tamén por organizar o Encontro bianual de escritoras ‘De Rosalía de Castro a Begoña Caamaño’, para converter Santiago en lugar de referencia da literatura feita por mulleres en todo o mundo. Ao mesmo tempo urxe potenciar o carácter de cidade literaria de Compostela, da mesma maneira que a Lisboa de Pessoa e o Dublín de Joyce, un concepto que, no caso de Santiago, vai unido indiscutibelmente á figura de Rosalía de Castro.

Promover a iniciativa Memoria das mulleres de Compostela e a creación dun Consello da Memoria para desenvolver un programa de actividades e un espazo de difusión na rede da historia do Concello son outras das medidas que desenvolverá o BNG de ter responsabilidade no Goberno de Santiago de Compostela despois do 26M.