PLENO

Goretti Sanmartín insta a controlar as verteduras ao río Sar no tramo posterior á piscina municipal

Contaminación no río Sar
Contaminación no río Sar

Nos últimos días apareceu a auga de cor azulada e con escuma nese tramo do río

Goretti Sanmartín insta a controlar as verteduras ao río Sar no tramo posterior á piscina municipal

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2018.- A concelleira Goretti Sanmartín, logo de que se detectasen verteduras contaminantes ao río Sar no tramo seguinte á piscina municipal, defenderá unha iniciativa no vindeiro Pleno destinada a que o Concello abra unha investigación e estabeleza os controis necesarios para evitar que se repitan.

Este treito do río presentaba nos últimos días a auga de cor azulada e con escuma, xusto despois do seu paso a carón da piscina municipal do Multiusos Fontes do Sar. Deste xeito, Goretti Sanmartín Rei reclama a apertura dunha investigación para determinar as causas que motivaron a vertedura contaminante, para analizar a calidade das augas neste punto e comprobar os danos causados á flora e fauna. Apelou tamén a que se adopten as medidas necesarias para corrixir este problema e reducir as posibilidades de que isto volva acontecer.

Nunha sentenza recente do Tribunal Supremo determínase que lles corresponden aos concellos as actuacións de mantemento e conservación dos leitos dos ríos que discorran por zonas urbanas.

Segundo os últimos pronunciamentos xurisprudenciais, os concellos son as administracións competentes para efectuar o mantemento e conservación dos leitos públicos nos tramos que discorren polas zonas urbanas, como administracións competentes en materia de ordenación do territorio e urbanismo; coas consecuencias que iso supón noutros ámbitos, por exemplo, en supostos de posíbel responsabilidade patrimonial por defectos na limpeza das canles públicas e cuestións de saúde pública, entre outras.