DEPURADORA

Goretti Sanmartín: “O maior erro de Compostela Aberta foi demorar tres anos para cambiar o lugar da depuradora, que conduce á perda dos fondos europeos”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

“Cando Santiago foi vangarda en políticas ambientais, o Goberno de Compostela Aberta é unha decepción en termos de ecoloxía con respecto ao que prometeron”, afirma

Goretti Sanmartín: “O maior erro de Compostela Aberta foi demorar tres anos para cambiar o lugar da depuradora, que conduce á perda dos fondos europeos”

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2018.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, considera “escandaloso” o engano e a mala xestión do alcalde Martiño Noriega de non habilitar unha solución pactada para consignar os fondos europeos, do Estado e da Xunta para a nova estación depuradora na Silvouta, co obxectivo de realizar o proxecto antes de 2023 para non perder os recursos europeos, que agora se reasignan ao saneamento da ría do Burgo por estar o proxecto avanzado. “Perder tres anos para cambiar o emprazamento e o proxecto da nova depuradora é o maior erro cometido por Compostela Aberta”, afirmou.

Lamentabelmente, confirmouse a advertencia constante do BNG de que Compostela Aberta demorou tres anos até que decidiu cambiar de emprazamento e facer a depuradora na Silvouta, co risco de perder os fondos europeos en vez de axilizar a súa tramitación desde que Martiño Noriega chegou á Alcaldía. Do mesmo xeito que aconteceu coa advertencia do BNG sobre a ORA e a recente obriga de indemnizar a Doal porque Compostela Aberta non executou a sentenza de 2015 que requiría anularlle o contrato a Setex Aparki.

“Por moito que o alcalde intente repartir culpas entre os gobernos estatal e galego, o único responsábel de perder os fondos para a depuradora é Compostela Aberta pola demora de tres anos en cambiar o proxecto, cando Acuaes estima a necesidade de 8 anos para a construción”, explicou. Esta mala actuación condena a Santiago a seguir a contaminar o Sar con verteduras que chegan á ría de Noia, ademais de ter que buscar outra alternativa para financiar a depuradora. Cuestionou tamén que unha das posibilidades que se abrirá sexa “poñer enriba da mesa a construción da depuradora co formato público-privado que acabará pagando a veciñanza de Santiago a escote, repercutido o custe no recibo da auga”.

Deste xeito, sinalou que cando Santiago foi vangarda en políticas ambientais, o Goberno de Compostela Aberta é “unha decepción en termos de ecoloxía con respecto ao que prometeron ao chegar”.

Cómpre lembrar tamén que a finais de 2018 o BNG solicitara unha reunión urxente da xunta de portavoces sobre os fondos da depuradora “e agora sabemos por que non se convocou, o que evidencia unha falta de transparencia por parte do Goberno local”.