PLENO

Goretti Sanmartín: “Nesta situación de emerxencia sanitaria e económica, o Concello non debe restrinxir a oferta do número de prazas de comedor escolar”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Presentará unha iniciativa no Pleno para que se negocie coas direccións dos centros a dotación de máis espazo para prestar este servizo de alimentación
Goretti Sanmartín: “Nesta situación de emerxencia sanitaria e económica, o Concello non debe restrinxir a oferta do número de prazas de comedor escolar”

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2020.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín presentou unha iniciativa que trasladará o BNG ao Pleno de xullo “para facilitar a reorganización e a xestión dos comedores escolares e, sobre todo, para que poida haber un maior número de nenos e nenas que poidan acceder a este servizo no vindeiro curso”.

“O pasado 14 de xullo rematou o prazo para inscribirse ao servizo de comedor para o próximo curso e na propia folla había unha advertencia de que por mor da crise da covid podería haber certas restricións para gardar distancias, cunha redución de máis do 50%, o que podería implicar unha redución de persoas usuarias”, explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa.

“Desde o BNG defendemos que a xestión dos comedores escolares debe ser da propia Xunta, que debe ser quen organice e quen máis garantías pode dar para a homoxeneización do servizo e atender todas as recomendacións sanitarias”, advertiu. Porén, a Xunta non asumiu esta competencia en Santiago de Compostela até o de agora e non o vai facer para este mes de setembro e, mentres tanto, é lóxico que sexa o Concello quen atenda este servizo. Na actualidade hai nove comedores escolares municipais e dous dos que se encarga a ANPA directamente.

Para o BNG cómpre aplicar as medidas e protocolos de distancia mais, con respecto aos aforos, considera que non poden supor que haxa un menor número de persoas usuarias con dereito ao servizo de comedor. Lembrou que no curso pasado houbo 933 nenos e nenas usuarias cando as solicitudes eran máis de 1.700, o que representa a metade das persoas que o precisaban. “Non se pode seguir a diminuír o número de familias usuarias de comedor escolar por problemas de espazo”, destacou.

Deste xeito, Goretti Sanmartín reclamará que o Concello realice xestións cos centros escolares para conseguir que se habiliten outros espazos para dar o servizo de comedor, que precisará tamén un reforzo de persoal e de monitoraxe tanto para o sistema de quendas previsto como para a ampliación da superficie para que os rapaces e rapazas poidan comer ao mesmo tempo, que será o modelo preferente.

“Queremos evitar que haxa unha redución de prazas ofertadas para comedor escolar a respecto do curso anterior”, insistiu, “e os criterios da concesión de prazas habería que negocialos coa comunidade educativa, ademais de velar para que non supoña un incremento no custe”. “Nesta situación de emerxencia sanitaria e económica, co agravante que isto lle supón a moitas familias, o Concello non debe restrinxir o número de prazas de comedor que oferta”, concluíu Goretti Sanmartín.

Goretti Sanmartín: “Nesta situación de emerxencia sanitaria e económica, o Concello non debe restrinxir a oferta do número de prazas de comedor escolar”