ORZAMENTOS

Goretti Sanmartín: “Os Orzamentos inclúen as contas da leiteira, con 2,7 millóns de euros que son previsións por venda de parcelas que figuran como ingresos”

BNG
BNG
Non cumpren os compromisos do Pacto polo Rural para saldar a débeda histórica de servizos básicos de saneamento e abastecemento
Goretti Sanmartín: “Os Orzamentos inclúen as contas da leiteira, con 2,7 millóns de euros que son previsións por venda de parcelas que figuran como ingresos”

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, destacou os aspectos positivos e negativos do proxecto de Orzamentos municipais que seguen “un modelo continuísta, sen proxectos novos e sen apostar pola transformación do concello para a próxima década”. “Estes orzamentos inclúen as contas da leiteira, pois hai 2,7 millóns de euros que son previsións por venda de parcelas que figuran como ingresos”, destacou.

Entre os aspectos positivos do proxecto de Orzamentos destacou obras urxentes como a reparación dos muros das Fontiñas, da Alameda ou da Costiña do Monte; a licitación de servizos básicos que levan anos en situación irregular como o da recollido do lixo, do transporte, do servizo de axuda no fogar “e é lóxico que se vexa incrementada a cantidade que se dedica aínda que deberían levar aparellada o servizo de inspección e control das empresas concesionarias”.

Fronte a esta cuestións positivas, hai outras que lle preocupan ao BNG como a falta de compromiso co rural “un tema importante porque houbo reunións auspiciadas pola Ferusa e o conxunto dos grupos acordaran un compromiso orzamentario para iniciar obras básicas de saneamento e abastecemento”, cando non se inclúe nada neste acordo PSOE-CA. Cuestionou, así, que o Goberno local do PSOE non quere que o resto dos grupos participen nestes pactos, “porque prefiren levar as conversas pola súa conta e non asumiren os compromisos adquiridos”. “Estes tiñan que ser orzamentos do rural e non son os orzamentos que o rural precisa, sobre todo, con esa débeda histórica existente” que non se salda.

Tamén entende como “moi negativo” que non se inclúa o centro para persoas sen fogar, que o PSOE non asume tal e como viña de atrás, que fora consensuado e votado por unanimidade polo Consello Municipal de Saúde, onde se realizou o Plan Integral do Senfogarismo traballado con entidades sociais como Cruz Vermella, Cáritas, a Asociación Galega de Saúde Mental, a UMAD, a Cociña Económica, os Servizos Sociais Comunitarios. “O PSOE acaba manifestándose en contra da veciñanza e das asociacións cunha política de mellora asistencialista baseada na caridade e non nos dereitos, que provoca un desleixo das funcións públicas con respecto á pobreza”, afirmou. Lembrou que o BNG propuxo que se reunise o Consello Municipal de Saúde para analizar este tema e aínda non se convocou.

“Hai política de ciencia ficción nestes Orzamentos”

“Estes orzamentos inclúen as contas da leiteira, pois hai 2,7 millóns de euros que son previsións por venda de parcelas que figuran como ingresos”, dixo, e iso afecta a obras como o arranxo do campo da festa do Castiñeiriño ou os aparcadoiros de Altiboia e de Triacastela. “Hai política de ciencia ficción nestes Orzamentos”, engadiu.

Ademais, non se inclúen obras e proxectos como a cuberta da piscina de Sar nin o aparcadoiro do campus sur. Resultan insuficientes os 200.000 euros previstos para o arranxo do campus “porque precisa unha reforma en profundidade, recuperar a residencia para goce público e facer aí ese aparcadoiro para que se reduzan os coches que están en superficie”. Tampouco se inclúen obras precisas en barrios demandadas en Pleno, como a reforma integral do barrio da Estila para conseguir mellorar a accesibilidade; no barrio das Fontiñas, onde é necesario un plan para mellorar a seguranza viaria; tampouco hai políticas de compostaxe que permitan ser referentes en temas ambientais; nin vivendas de protección oficial; nin a compra da Finca do Espiño; nin a recuperación da Sala Iago “nin algo tan pequeno, aprobado en Pleno, como erguer un monumento ao alcalde Ánxel Casal nun exercicio de memoria histórica no centenario da revista Nós”.

Iniciativas aprobadas en Pleno sen partida económica

Tamén hai unha falta de compromiso de iniciativas aprobadas e suxeridas polo BNG como o pagamento de impostos á carta, cun fraccionamento mensual á medida das necesidades que supón tamén unha política social, nin se sabe en que vai consistir o apoio a familias monoparentais, non inclúen os parques cubertos do Castiñeiriño e das Fontiñas que estaban aprobados nos Orzamentos Participativos anteriores, nin o espazo para exhibir as escenografías de Monicreques Kukas, o Centro de Fotografía, todas elas aprobadas en Pleno.

Dedícanse 175.000 euros menos a políticas de fomento do emprego

“Parécenos inexplicábel que baixen partidas dedicadas a escolas infantís de xestión municipal, de 1.200.000 a 800.000 euros; que se dediquen 175.000 euros menos a políticas de fomento do emprego ou 250.000 euros menos a políticas de promoción turística”, destacou. “Fronte a estes descensos difíciles de xustificar, hai ascensos difíciles de argumentar como o previsto para protocolo que pasa de 163.000 euros a 310.000 ou que case se cuadriplique unha partida opaca co título de ‘Investigacións e estudos relacionados cos servizos públicos’ que pasa de 300.000 a 1.105.000 euros.

En canto ao capítulo de Persoal, sinalou que o BNG entende que o Concello de Santiago ten un problema estrutural relacionado co persoal que garda unha ligazón co límite da taxa de reposición “que debería eliminarse pero isto non se soluciona con incorporar estruturas piramidais”. “Neste caso non compartimos que creen dúas novas direccións de área e unha viceasesoría xurídica; esta é unha medida criticada polo conxunto das forzas sindicais que cren que non son as maneiras de abordar o problema de falta de persoal o Concello de Santiago”, explicou.

As axudas de adxudicación directa chegan a 1,3 millóns de euros

Fixo referencia tamén ao modelo de subvencións nominativas, que non criminaliza ao ser un recurso legal, “mais existe para cuestións excepcionais para distribuír os recursos porque marcan unha certa discrecionalidade para apoiar proxectos especiais pero non pode ser a maneira habitual de relacionarse ano a ano con algunhas entidades que deberían participar nunha liña de concorrencia competitiva en función dos proxectos que realicen”. Con respecto ao último orzamento de Compostela Aberta aprobado, que xa mantivo o modelo de conceder subvencións nominativas, sóbense 90.000 euros e chegan así 1,3 millóns de euros para adxudicar axudas directamente.