Goretti Sanmartín presenta unha moción para apoiar o acto mundial do 27 de setembro sobre o clima coa aplicación de medidas ambientais en Santiago

Ao inicio da comparecencia expresou a solidariedade coa familia e amizades das tres mulleres asasinadas en Valga por violencia de xénero

Goretti Sanmartín presenta unha moción para apoiar o acto mundial do 27 de setembro sobre o clima coa aplicación de medidas ambientais en Santiago

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, anunciou en rolda de prensa que presentará unha moción sobre a emerxencia climática e o apoio á mobilización do 27 de setembro polo clima, “para abrir o debate do que se pode facer desde o concello de Santiago en colaboración co movemento ecoloxista para concienciar a poboación”.

Ao inicio da comparecencia expresou a solidariedade coa familia e amizades das tres mulleres asasinadas en Valga “polo terror machista” e reclamou que se modifique “o cómputo das mulleres vítimas da violencia de xénero para que entren todas as mulleres asasinadas”, onde non só a ex-parella, “para que as estatísticas recollan esta realidade terríbel”. “A sociedade galega está conmocionada”, sinalou, “e o BNG apoiará todas as mobilizacións para rexeitar e condenar este novo feminicidio”, ademais de aproveitar para facer un chamamento ás convocatorias previstas para este mércores polo movemento feminista galego, “para reclamar máis recursos para combater a violencia machista”, engadiu.

Segundo explicou a portavoz, “arredor do ecoloxista, da defensa do ambiente e do territorio hai moita retórica baleira e hipocrisía mais logo hai que ver o que se fai na práctica, os recursos que se dedican e o que se inviste niso”. O BNG entende que hai que tratar a crise climática nunha tripla dimensión, no global onde se fala do incremento da temperatura, cos incendios e coa destrución da biodiversidade, no que se insire esta mobilización do 27 de setembro para concienciar a poboación; e tamén cunha “perspectiva galega” en que o BNG xa leva tempo a sensibilizar de que “Galiza é fornecedora de materias primas cunhas políticas nefastas porque deixan aquí os residuos, coa megaminaría, con falta de política forestal e onde é preciso desenvolver un novo marco normativo en colaboración co movemento ecoloxista para loitar con eficacia contra a emerxencia climática”.

No ámbito local, o BNG entende que “Santiago debe ser pioneira en políticas ambientais e ecoloxistas”. Referiuse así á situación da estación depuradora, con vertidos incontrolados, co vertedoiro de Miramontes, coa ameaza da mina de Touro e O Pino, co estado dos ríos e coa xestión de residuos. Deste xeito, presentará unha batería de medidas “para minguar os prexuízos contaminantes en distintos ámbitos para pór en marcha neste período 2019-2023”.

“É momento de crear a planta de compostaxe de Compostela, non abonda con publicar un novo prego de recollida de lixo, temos que ir a sistema de xestión que promova a redución, a reutilización e que o tratamento dos bioresiduos se faga nas proximidades; non ten sentido que haxa camións transportando lixo por todo o país como fai Sogama para logo reciclar tan só o 10% da materia que recibe”, explicou. Por iso hai que primar a compostaxe domiciliaria e comunitaria, posto que a Lei 2011 de Residuos marcaba que había que reciclar como mínimo o 50% en 2020, cando en Compostela está arredor do 12% e as directivas europeas determinan un 55% en 2025. “A normativa europea marca que debe haber un quinto contedor para os residuos orgánicos, mais iso debe ir acompañado de programas de formación coa contratación de mestres composteiros para axudar e sensibilizar, para facer factíbel o tratamento dos residuos”, sinalou a portavoz do BNG en Raxoi.

Sobre o mobilidade, é necesario “seguir un modelo sustentábel, seguro e que potencie andar a pé ou en bicicleta, xunto con bo transporte colectivo e suficientes aparcadoiros”. Para iso, insistiu en crear o aparcadoiro no campus e nos accesos á estación intermodal.

Para o BNG é necesario fomentar a produción e comercio de proximidade, para potenciar os produtos locais tamén desde o espazo escolar e os comedores, dixo.

Referiuse ao impulso de iniciativas de posta en valor do monte, “Santiago é tamén un concello rural que ten que aproveitar a multifuncionalidade do monte e limitar as especies forestais como o eucalipto, ademais de ter que rematar a concentración parcelaria de zonas como Figueiras e Villestro, que van para 30 anos desde o seu inicio para facer un desenvolvemento económico do monte e agrario”.

Goretti Sanmartín emprazou tamén a convocar o Consello municipal de Medio Ambiente e a crear nel unha comisión ou gabinete contra a emerxencia climática, onde poidan participar persoas expertas da Universidade e do movemento ecoloxista “para deseñar un plan estratéxico fronte a emerxencia climática en Santiago de Compostela”.