CULTURA

Goretti Sanmartín propón que o Concello lidere a recuperación da Sala Iago para uso público cultural

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

A venda deste inmóbel pode ser unha oportunidade para crear un espazo que sirva de local de ensaio de teatro afeccionado e de mostra do legado de Monicreques de Kukas

Goretti Sanmartín propón que o Concello lidere a recuperación da Sala Iago para uso público cultural

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2019.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín, ante a noticia da posta en venda da Sala Iago, lembrou que o BNG  presentara unha moción ao Pleno para que o Concello liderase a recuperación deste espazo cultural para o patrimonio público “para evitar que continuase pechada e en proceso de deterioración”.

“Santiago de Compostela non pode permitirse o luxo de perder a Sala Iago, nunha rúa como o Vilar onde xa pecharon numerosos comercios emblemáticos”, destacou.

“Para iso, esta noticia de que saia á venda, pódese considerar unha oportunidade para encargar unha taxación independente e estudar as posibilidades de que o propio Consorcio adquirise esa sala que podería ter distintos usos”, propuxo.

“Entre eles, un teatro público especializado en monicreques, cun espazo de ensaio para teatro afeccionado e tamén podería ser compatíbel coa exposición do legado das escenografías de Kukas que, xustamente, cumpre 40 anos e xa manifestou a súa disposición de cedelas”, ao abeiro doutra iniciativa presentada polo BNG.

Monicreques de Kukas naceu en Compostela no ano 1979 e é a máis antiga compañía de teatro contemporáneo con marionetas de Galiza, que dispón dun patrimonio material fundamental da cultura galega. A isto hai que engadir o seu compromiso a favor da normalización do idioma galego, da creatividade artística e da cultura propia.