ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín propón elaborar un inventario dos camiños públicos para a conservación do patrimonio

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

As actuacións nos camiños deberán ter en conta a seguranza dos peóns e a súa sinalización, explica

Goretti Sanmartín propón elaborar un inventario dos camiños públicos para a conservación do patrimonio

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2019.- Goretti Sanmartín, candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, aposta por elaborar un inventario dos camiños públicos e poñer en marcha o plan de conservación dos Camiños de Santiago como forma de articulación do territorio e conservación do patrimonio ambiental e etnográfico, ademais de relacionalos a itinerarios culturais.

O fomento do uso público dos camiños é o sistema máis eficaz para a súa custodia, pois implica o conxunto da poboación que os considera como parte do seu patrimonio colectivo, destacou Goretti Sanmartín.

As actuacións nos camiños deberán ter en conta a seguranza dos peóns, a sinalización, a localización dos puntos de información, os materiais que se deben utilizar para a súa preservación e a mellora do aspecto estético das entradas dos camiños en Compostela, incluído o das fachadas dos edificios, segundo inclúe o programa do BNG.

Neste sentido, o BNG xa trasladara unha iniciativa ao Pleno de febreiro de 2016, que foi aprobada mais non se chegou a realizar, para elaborar os traballos necesarios destinados á creación do inventario de camiños públicos do municipio e a súa correspondente ordenanza. Para o BNG é fundamental que este inventario da rede viaria se lle expoña á veciñanza para que se poidan facer alegacións e contribuír á súa identificación e clasificación co fin de regular a situación dos camiños públicos e das servidumes de paso.

Goretti Sanmartín propón elaborar un inventario dos camiños públicos para a conservación do patrimonio