UNIVERSIDADE

Goretti Sanmartín propón un novo convenio entre Concello e USC para garantir o mantemento integral do campus universitario

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Debe incluír a cesión do uso das instalacións deportivas para a veciñanza

Goretti Sanmartín propón un novo convenio entre Concello e USC para garantir o mantemento integral do campus universitario

Aludiu tamén ao proxecto para realizar o aparcadoiro soterrado no campus, para poder eliminar o tráfico en superficie e conseguir zonas peonís

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, lembroulle ao alcalde a necesidade de realizar “un arranxo integral do campus, en colaboración coa Universidade de Santiago, en vez dun parche para arranxar tan só as beirarrúas”. “Para iso, é necesario facer un novo convenio coa USC e comprometerse, dunha vez por todas, a garantir o mantemento do campus en boas condicións de xeito permanente”, engadiu.

Deste xeito, lembroulle que o Pleno aprobou en outubro de 2015 unha moción do BNG nese sentido, para proceder a elaborar e executar un plan para a reparación de vías e beirarrúas no campus sur, ademais do mantemento de pistas deportivas, peches, colectores de lixo, sinalización e mobiliario urbano.

O  Campus Vida  presenta un mal estado xeneralizado, case de abandono, en canto a pavimentación, enlousado, pistas deportivas, peches, colectores de lixo, sinalización e mobiliario urbano derivado da falta de mantemento nos últimos anos, unha situación que se mantén desde que foi aprobada a iniciativa.

Para o BNG, é necesario realizar unha actuación urxente para diminuír o perigo que supón o mal estado da pavimentación tanto para vehículos como para milleiros de persoas que transitan a diario pola zona.

Goretti Sanmartín aludiu tamén ao proxecto para realizar o aparcadoiro soterrado no campus, para poder eliminar o tráfico en superficie e a ocupación do espazo polos coches, co fin de conseguir zonas de prioridade peonil.

Nesa nova proposta de convenio entre Concello e USC que propón o BNG, “débese incluír a cesión do uso das instalacións deportivas para a veciñanza, xunto coa ampliación de horario a períodos non lectivos”, sinalou Goretti Sanmartín.