INSTITUCIONAL

Goretti Sanmartín propón un plan de reactivación do comercio local en diálogo co sector

Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG
Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG
Para o BNG é fundamental axilizar ao máximo o período medio de pagamento a provedores para axudar as pequenas e medianas empresas durante a pandemia do coronavirus
Goretti Sanmartín propón un plan de reactivación do comercio local en diálogo co sector

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2020- O grupo municipal do BNG propón un plan de reactivación para o comercio local e que o Goberno local reclame da Xunta unha liña de apoio para o pagamento de alugueiros de comercios e estabelecementos obrigados a pechar por mor da crise do coronavirus.

“Entre os sectores que preocupan ao BNG está de maneira especial o comercio de proximidade, ese comercio que é o latexo de Santiago de Compostela, un dos motores do seu dinamismo económico”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz do grupo municipal nacionalista.

O BNG propón elaborar un plan de reactivación do comercio para manter o emprego, “un plan de choque ambicioso e dialogado co sector para cando acabe a crise, pois necesita dedicarlle todos os esforzos e axudas públicas posíbeis”.

Cando reabran os estabelecementos, pódense realizar programas de actividades para favorecer a conciliación e bonos para aparcadoiros co fin de estimular as compras no comercio local.

Así, reclama o aprazamento, fraccionamento ou condonación dos impostos e das taxas municipais. Podería facerse unha rebaixa proporcional do IBI polo tempo que estean pechados os locais e reducirse a cero o pagamento do lixo naqueles estabelecementos pechados. No caso dos que estean en alugueiro, deben ser o Goberno do Estado ou da Xunta quen arbitren axudas para facerlle fronte ao pagamento, engadiu.

Para o BNG é fundamental axilizar o período medio de pagamento a provedores por parte do Concello, pois isto supón unha inxección de liquidez para pequenas e medianas empresas neste período.

A maiores reclama o fraccionamento de impostos, que xa funciona noutros concellos, para o pagamento á carta segundo o número de mensualidades que se escolla, pois constitúe “unha medida social de primeira magnitude”.

Propón, ademais, fomentar que se invistan fondos públicos para a adquisición de mercadorías no comercio local; de xeito que administracións, centros educativos e residencias, entre outros, realicen as súas compras nestes estabelecementos.

Goretti Sanmartín propón un plan de reactivación do comercio local en diálogo co sector