FEMINISMO

Goretti Sanmartín propón realizar “un proxecto integral de recuperación da memoria das mulleres en Santiago de Compostela”

Investigación, difusión e homenaxe son os tres eixos de "Memoria de Mulleres de Compostela"

Goretti Sanmartín propón realizar “un proxecto integral de recuperación da memoria das mulleres en Santiago de Compostela”

Animou a secundar a folga do 8M e a participar na manifestación que sae o venres ás 20:00 da praza 8 de Marzo

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, defendeu unha iniciativa que aposta pola creación dun proxecto integral de recuperación da memoria das mulleres en Santiago de Compostela. "Memoria de Mulleres de Compostela" ten como obxectivo investigar, difundir e recoñecer o papel das mulleres na historia do concello.

O proxecto "Memoria das Mulleres de Compostela" xirará arredor dunha liña de investigación que trata de traer á luz a memoria silenciada das mulleres na historia de Santiago de Compostela. A pesar de que importantes estudosas levan tempo difundindo os principais nomes e as biografías das mulleres nas distintas etapas da historia do concello, segundo Goretti Sanmartín, falta aínda un "proxecto integral" que as sitúe no lugar que merecen, tanto en coñecemento das veciñas e veciños como en recoñecemento do seu papel no desenvolvemento da nosa historia.

Referiuse a nomes como Antonia Ferrín, Pura Lorenzana, Emilia Cale, Xosefa Iglesia Vilarelle, María Miramontes, María Reguera, Consuelo Otero Rial, Rosa Bassave, María Panisse, María Tobío ou Ofelia Nieto, entre outras.

Neste sentido, "Memoria de Mulleres de Compostela" sería un contributo de especial relevancia para o coñecemento das mulleres na historia de Santiago de Compostela e, arredor do proxecto, artellaríanse distintas iniciativas como a creación dun fondo documental dixital, unha páxina web de referencia nos distintos ámbitos e un programa de actuación nos centros de ensino. Ademais, coa información recollida no portal do proxecto, desenvolveríase unha campaña de difusión a través das redes sociais, poñendo ao dispor da veciñanza a distinta documentación recollida.

O proxecto, segundo defendeu Goretti Sanmartín, sería claramente colaborativo, cun proceso de traballo en rede que implicaría entidades, colectivos sociais e feministas, institucións e persoas que investigan na historia da cidade.

Ademais do programa de investigación e difusión, que suporían un fito na recuperación da memoria das mulleres vinculadas a Santiago de Compostela, o proxecto incluiría outros eixos de actuación como a elaboración de roteiros arredor das mulleres do concello e as súas principais actividades, incluír máis nomes femininos no rueiro e ampliar por medio de distintas fórmulas, a presenza de mulleres no espazo público.

Ademais, cando o proxecto avance, elaborarase unha exposición para instalación no exterior que se situará nun espazo céntrico e concorrido do concello, para que as persoas que a vexan se atopen con nomes e colectivos que até agora pasaban desapercibidos pola maioría da veciñanza. Unha publicación en papel e un congreso completarían o programa.

A iniciativa ten como modelo o proxecto "A memoria das mulleres" que naceu no Concello de Pontevedra en decembro de 2013 co obxectivo de construír, "de modo colectivo e cooperativo", un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra. Nestes cinco anos, o proxecto pulou por cambiar o relato da historia e reintegrar a memoria das mulleres no seu lugar, eliminando discriminación e visibilizando o seu papel nas distintas etapas da historia de Pontevedra. Máis de cento cincuenta biografías e unha grande cantidade de entrevistas que significan un tesouro de memoria viva son algúns dos materiais recollidos polo equipo do proxecto.

Na páxina web http://www.dogrisaovioleta.gal, na que se verteu un histórico traballo colaborativo e colectivo recóllese a documentación, as biografías e as imaxes das mulleres e colectivos articulados en tres apartados, as mulleres traballadoras, as creadoras e as represaliadas polo franquismo.

Este traballo que está tan avanzado nun concello que se converteu en modélico á hora de recuperar a memoria das mulleres está aínda por facer en Santiago de Compostela e desde o BNG queremos poñer fin a esta débeda con tantas mulleres esquecidas botando a andar o proxecto "Memoria das mulleres de Compostela".