PLENO

Goretti Sanmartín propón que se sinalice o roteiro das Irmandades da Fala con paneis informativos para dar a coñecer o seu legado

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín Rei, portavoz municipal

A agrupación cultural O Galo impulsa esta actividade que cómpre consolidar

Goretti Sanmartín propón que se sinalice o roteiro das Irmandades da Fala con paneis informativos para dar a coñecer o seu legado

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2018.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, presentou unha moción que trasladará ao vindeiro Pleno para que o Concello de Santiago de Compostela sinalice os lugares do roteiro das Irmandades da Fala para contribuír á difusión do seu legado histórico local e nacional.

“Santiago é unha cidade que, ademais da importante vida cultural actual, ten referentes históricos da cultura galega que moitas veces pasan desapercibidos ao descoñecer en que rúas, casas e espazos viviron e desenvolveron a súa actividade”, explicou.

A agrupación cultural O Galo preparou un roteiro das Irmandades da Fala, que desenvolverá o 29 de setembro, “que sería interesante consolidar coa instalación de placas de lembranza de cada un deses lugares para dar a coñecer onde viviron, estudaron e desenvolveron o seu traballo”, engadiu.

Aínda que foi en 2016 o centenario das Irmandades, este ano fanse 100 anos da Asemblea Nacionalista de Lugo que parte do que foi o xermolo das Irmandades da Fala. No caso de Santiago de Compostela hai moitas persoas ligadas ao sindicalismo, estudantado, profesorado universitario e literatura. Así citou nomes como Luís Porteiro Garea, Xosé Pasín, Salvador García-Bodaño, Ánxel Casal, Lois Tobío, Camilo Díaz Baliño, María Miramontes, Olimpia Valencia e Pura Lorenzana, entre outras. Lembrou tamén que “as Irmandades da Fala, ademais de recoñecer os dereitos de Galiza como nación, son o primeiro esteo para o recoñecemento da igualdade de dereitos entre homes e mulleres”.

A título anecdótico destacou que na Caldeiraría número 18 estaba a libraría Niké, que levaban dous escritores, Xoán Xesús González e Arturo Cuadrado, “á que acudía moito estudantado universitario mercar aquelas primeiras edicións de publicacións en galego”, coa singularidade de que “o prezo púñao quen ía mercar logo dun debate sobre o contido e o seu valor”. “Era unha innovación para facer que as clases populares puidesen acceder á cultura”, explicou Goretti Sanmartín Rei.

Destacou ademais que “coa consolidación deste roteiro, pódese levar aos centros de ensino e á promoción turística para dar a coñecer a historia de Compostela, ademais de instalar paneis informativos para saber o pasado local e galego”.

Goretti Sanmartín propón que se sinalice o roteiro das Irmandades da Fala con paneis informativos para dar a coñecer o seu legado