Goretti Sanmartín propón que as tarifas deportivas se adecúen ás familias monoparentais

Goretti Sanmartín propón que as tarifas deportivas se adecúen ás familias monoparentais

Cos abonos do Complexo Deportivo Santa Isabel e Multiusos Fontes do Sar impídese que se beneficien das reducións estipuladas

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2015.- A concelleira do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, defenderá no vindeiro Pleno unha moción para instar á empresa que xestiona as instalacións deportivas municipais “a que adecúe as súas tarifas de abono ás realidades económicas actuais e aos diferentes modelos de familia con especial atención ás monoparentais”.

Segundo explicou a concelleira, as familias monoparentais, “cada vez máis numerosas, seguen a estar discriminadas con respecto ás encabezadas por dous membros adultos”. No Concello de Santiago un dos casos máis evidentes son as tarifas do Complexo Deportivo Santa Isabel e Multiusos Fontes do Sar que non só impiden que se beneficien das reducións estipuladas senón mesmo penalizan as monoparentais nos pagamentos nas mensualidades.

“A matrícula das familias con dous membros é de 44,80 euros e a individual de 40,30 co que dúas persoas adultas saen moi beneficiadas pola oferta mentres a composta só por unha persoa adulta non”, indicou. “Mais o caso agrávase ao comprobar os pagamentos mensuais, tendo en conta de que para unha crianza menor de seis anos ser abonada ten, por obriga, que estar nun abono familiar, segundo se entende polas propias tarifas”, engadiu Goretti Sanmartín.

O abono familiar mensual é de 43,60 no que se beneficiarían, cando menos, as dúas persoas adultas e as crianzas menores de seis anos -sexan cantas for, xa que o seu abono é gratuíto-. Para os fillos e as fillas que teñen entre 6 e 21 anos terían que pagar ao mes 4,00 euros.

No caso dunha persoa cunha crianza menor de seis anos -que, en principio, non paga nada polo abono mensual- ao pagar a matrícula familiar ten que aboar cada mes 43,60 euros cando, se non acode ao pagamento familiar serían os 35,50 + 0 euros que sería por cada fillo ou filla menor de 6 anos. Polo tanto, esta persoa non só non ten rebaixa ao pagar o abono familiar senón é claramente prexudicada xa que se ve na obriga de abonar cada mes 43,60 euros no canto dos 35,50 que pagaría soa, cando o cativo ou cativa non computa.

Goretti Sanmartín propón que as tarifas deportivas se adecúen ás familias monoparentais