ENSINO

Goretti Sanmartín reclama que se axilice o proxecto da escola infantil de San Caetano para facilitar a conciliación e o ensino en galego

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Desde que o PP está no Goberno da Xunta non creou nin unha soa praza de educación infantil pública en Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín reclama que se axilice o proxecto da escola infantil de San Caetano para facilitar a conciliación e o ensino en galego

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2018.- O grupo municipal do BNG demándalle á Xunta que axilice as xestións para crear a escola infantil da Cidade Administrativa de San Caetano e duplique as 75 prazas previstas para atender a demanda pública existente na zona, ademais da negociación da homologación na xestión, cunha programación que atenda o dereito ao ensino en galego.

Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG de Santiago, reclamou a dotación de prazas de escolas infantís públicas para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, a programación educativa en galego e a xustiza social, con garantía de acceso ás familias con rendas máis baixas e en situación de especial dificultade.

Deste xeito, lembrou tamén a reivindicación da escola infantil para o barrio de Santa Marta, en fase de contratación. O BNG considera que a oferta actual é insuficiente, nin sequera sumando a oferta privada e concertada, porque actualmente hai 3.277 nenos e nenas de 0 a 3 anos en Santiago de Compostela, segundo datos do censo municipal, aos que hai que engadir os de persoas que traballan na cidade sen estaren censadas.

Cómpre lembrar que as últimas escolas públicas infantís construídas foron en San Roque e no Tambre, durante o bipartito e baixo a responsabilidade do BNG, posto que desde que o PP está no Goberno da Xunta non creou nin unha soa praza de educación infantil pública en Santiago de Compostela.