ORZAMENTOS

Goretti Sanmartín reclama un borrador do Orzamento para comezar a negociar de xeito máis transparente

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
“As declaracións do alcalde sobre vincular os Orzamentos a unha moción de confianza mostran unha debilidade dun Goberno en minoría cando ten que poñer enriba da mesa a vontade de negociar e de chegar a acordo”, afirma
Goretti Sanmartín reclama un borrador do Orzamento para comezar a negociar de xeito máis transparente

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2020.- O grupo municipal do BNG participou na primeira rolda de contactos para a negociación do Orzamento de 2020, onde Goretti Sanmartín reclamou “o documento co borrador para empezar a traballar”.

O BNG bota en falta “un borrador, un documento escrito, que se poida analizar con toda a calma que require unha negociación de Orzamentos municipais”, advertiu. Tampouco considera positivas as declaracións do alcalde sobre vincular os Orzamentos “a unha moción de confianza, que mostra unha debilidade dun Goberno en minoría cando ten que poñer enriba da mesa a vontade de negociar e de chegar a acordo”. “Isto quere dicir que, na práctica, teñen pouco avanzado para tender a man, construír pontes e chegar a acordos con outras forzas da Corporación”, engadiu.

Porén, recoñeceu que Marta Abal e Gumersindo Guinarte, que participaron na reunión, expresaron a vontade negociadora “mais non é boa forma de comezar facer un chamamento a ter que chegar a someter os Orzamentos á cuestión de confianza en vez de poñer enriba de todo as necesidades do conxunto da poboación que, co coñecemento dos distintos grupos, podemos estabelecer como prioridades”.

Na reunión, ambas as partes trasladaron a vontade de negociación e de chegar a un acordo “sen présa mais sen pausa” para ese orzamento para o ano 2020, para detallar cuestións concretas nunha seguinte reunión que será a próxima semana, explicou.

Así, anunciou que o BNG trasladará publicamente e ao grupo de Goberno as súas propostas para incluír nos Orzamentos municipais a vindeira semana “porque hai un certo escurantismo neste proceso que debería ser moito máis transparente”, advertiu Goretti Sanmartín, “por iso é imprescindíbel coñecer ese documento de borrador para empezar a traballar”.

Goretti Sanmartín reclama un borrador do Orzamento para comezar a negociar de xeito máis transparente