MOBILIDADE

Goretti Sanmartín reclama melloras de seguranza viaria de urxencia onde se concentran 5 centros de ensino en Lamas de Abade

Cómpre coordinar as liñas de transporte urbano co horario estudantil

Goretti Sanmartín reclama melloras de seguranza viaria de urxencia onde se concentran 5 centros de ensino en Lamas de Abade

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha moción de urxencia que trasladará ao vindeiro Pleno destinada a adoptar medidas de seguranza viaria e a realizar un plan de ordenación e un estudo de detalle en Lamas de Abade para mellorar a mobilidade, de acordo coas demandas da comunidade educativa.

Segundo explicou en rolda de prensa, na zona de Lamas de Abade, en horas punta de entrada e saída dos centros de ensino chega a haber 11 autobuses entre escolares, furgonetas e urbanos, ademais dos vehículos particulares que usan estudantado e profesorado para se desprazaren. Cómpre ter en conta que hai en total 2.658 alumnos e alumnas de todas as idades matriculados en cinco centros. Está o instituto de ensino secundario con 832 alumnos e alumnas, Aspanaes con 48, Raiola con 113, o CIFP de Hostelaría con 1.150 e o CEIP con 515 estudantes.

Deste xeito, reclaman medidas de urxencia para mellorar a mobilidade e incrementar a seguranza viaria, cunha regulación de tráfico en horas punta por parte da Policía local e a adopción de aspectos técnicos para a pacificación de tráfico e aminoración da velocidade dos vehículos cun sistema de lombos ou luces de advertencia.

Precisan tamén a adecuación dos horarios das liñas de transporte urbano, para que coincida cos horarios escolares, pois o último da mañá pasa ás 14:15 horas cando as aulas rematan ás 14:30 horas.

A comunidade educativa destaca diversos puntos críticos de risco de accidente e anchos de vía inferiores a 5 metros con dous carrís, con dificultades para o tránsito, así como falta de beirarrúas. Deste xeito é necesario un plan de estudo integral de mobilidade, explicou, e a creación dun aparcadoiro con prazas suficientes para estacionar os vehículos.

Faise necesario ademais dispor dunha reserva de prazas de aparcadoiro para discapacidade, que deberá ser maior no centro de Aspanaes.