COMERCIO

Goretti Sanmartín reclama o plan de dinamización do comercio para esta campaña de Nadal

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Lembra que a iniciativa aprobada en Pleno foi consensuada con comerciantes e incluía actividades de conciliación no Ensanche e na Cidade histórica, vales desconto para aparcadoiros e un catálogo de produtos

Goretti Sanmartín reclama o plan de dinamización do comercio para esta campaña de Nadal

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclamoulle ao Goberno de Sánchez Bugallo a posta en marcha do acordo plenario para realizar unha campaña de Nadal en colaboración co pequeno comercio, con actividades de conciliación no Ensanche e Cidade histórica; facilidades de aparcadoiro, a edición dun folleto divulgativo e actividades de dinamización.

“O mes de decembro é un mes por excelencia para o pequeno comercio e o Concello debe implicarse de maneira especial”, explicou en rolda de prensa, pois sen el Santiago de Compostela perde parte da súa identidade, “xa que dá cohesión, dinamismo e que fai que a cidade estea viva”.

Lembrou que unha das propostas do BNG é incrementar a asignación do Consorcio para crear un viveiro de pequeno comercio na Cidade histórica, para mercar e rehabilitar locais “para que a xente poida, durante un período de tempo, iniciar negocios que non fosen vinculados ao turismo para que haxa esa diversidade necesaria do comercio na zona”. Iso significa convencer a Xunta e o Estado de que dupliquen os seus orzamentos para o Consorcio, sinalou.

No mes de outubro aprobouse, por unanimidade, unha proposición do BNG para realizar un plan para impulsar o comercio de proximidade compostelán, que foi consensuada co sector comercial para facer con carácter plurianual e para comezar nestas datas de Nadal. Tratábase de facer un folleto cun catálogo de produtos especializados e singulares que ten o pequeno comercio para distribuír entre a veciñanza, como fixo o BNG cando levou a área de Promoción Económica, acompañado de premios a produtos con actividades de animación e socioculturais para converter Santiago de Compostela na capital das compras. Iso tería que ir acompañado de servizos de conciliación e de facilidades de aparcamento.

“Estráñanos que se presenten as actividades de Nadal e non se faga ningunha referencia a este acordo plenario por unanimidade que tiña que poñerse en marcha”, sinalou Goretti Sanmartín, “pois as actividades de conciliación deste ano son as habituais do Monte dos Pontes, Ramón Cabanillas e Multiusos; pero non era iso, tratábase da posibilidade de ter un local no Ensanche e na Cidade histórica para que puidesen ir nenos e nenas”, mentres nais e pais fan as compras e dispoñen de facilidades para aparcaren os coches con vales desconto, ademais de abrir novas zonas para deixar os vehículos. Lembrou, neste sentido, a inmediata construción do aparcadoiro de xestión pública no campus sur, que serán unha das propostas que incluirá o BNG na negociación dos Orzamentos municipais para 2020. Propuxo tamén estudar as posibilidades para facer outro aparcadoiro en Belvís.

Ao fío disto, destacou que aínda non se produciu ningunha reunión cos grupos municipais para a elaboración dos Orzamentos de 2020 e agarda que o Goberno local presente unha proposta canto antes para iniciar as negociacións.

Goretti Sanmartín reclama o plan de dinamización do comercio para esta campaña de Nadal