PLENO

Goretti Sanmartín reclama un plan para mellorar a mobilidade na contorna dos centros de ensino

Buses no IES Xelmírez II
Buses no IES Xelmírez II
“É necesario que se habilite un espazo de maiores dimensións para o estacionamento de autobuses no IES Arcebispo Xelmírez II, con marxe de seguranza para o alumnado”, explica a portavoz do BNG
Goretti Sanmartín reclama un plan para mellorar a mobilidade na contorna dos centros de ensino

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladará unha iniciativa ao Pleno para mellorar a mobilidade na contorna dos centros de ensino, co fin de incrementar a protección, a regulación do tráfico en horas punta e medidas para redución da velocidade, ademais de dotar de máis superficie o espazo reservado para o estacionamento de autobuses.

En concreto, reclamará que se habilite un espazo de maiores dimensións para o estacionamento de autobuses no IES Arcebispo Xelmírez II, con marxe de seguranza para o alumnado poder subir e baixar do autobús que lle corresponde de forma ordenada, xunto cun plan de mellora da mobilidade na contorna deste centro.

O IES Arcebispo Xelmírez II conta na actualidade con oito autobuses de dúas empresas que realizan sete rutas diarias de transporte que van desde a rúa dos Irmandiños, onde se sitúa este centro, a Miramontes, Garabal, Lobra, Vilariño, Marantes, Pousada e Vilar de Rei para desprazar o alumnado destes lugares.

Nas inmediacións do instituto só hai zona habilitada para tres autobuses, polo que os demais se sitúan en dobre fileira ou na zona superior onde ocupan o carril de baixada de vehículos, segundo queixas recibidas polo BNG.

A situación diaria, á entrada e saída escolar, provoca que centos de rapazas e de rapaces teñan que transitar pola estrada para accederen ao autobús, mentres circulan vehículos particulares que deben deterse e ceder o paso aos que veñen de fronte ao quedar tan só un carril dispoñible. Existe falta de visibilidade, tanto para quen vai a pé como para os coches.

A iso súmase o mal estado do paso de peóns que vai até a gasolineira, nunha vía de moitos carrís como é a rúa do Cruceiro da Coruña pola que cruzan centos de rapaces que viven nas inmediacións.

Outras queixas veciñais de mobilidade nas inmediacións deste centro de ensino son relativas á falta de urbanización na zona que vai de Salgueiriños de Arriba e Salgueiriños de Abaixo, que precisa o acondicionamento da zona da escaleira que conecta estes dous lugares que remata nun desnivel cun carreiro que se enche de lama cando chove e impide o paso das persoas con mobilidade reducida. Deste xeito, o BNG reclama que se proceda a mellorar esta área para darlle continuidade á circulación de persoas que van a pé até o instituto.