ACCESIBILIDADE

Goretti Sanmartín reclama no Pleno medidas de accesibilidade na senda peonil do Sar

Pasarela no parque Eugenio Granell
Pasarela no parque Eugenio Granell

“As administracións públicas deben asumir compromisos en materia de accesibilidade cando fan obra nova”, explicou

Goretti Sanmartín reclama no Pleno medidas de accesibilidade na senda peonil do Sar

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2018.- A concelleira Goretti Sanmartín Rei, do grupo municipal do BNG de Santiago, traslada unha iniciativa ao Pleno para a revisión e adecuación en materia de accesibilidade da senda peonil do Sar.

“A senda peonil do Sar presenta numerosas eivas para persoas quer con discapacidade quer con mobilidade reducida ou sensíbel, a pesar de ser un dos compromisos que deben asumir as administracións públicas en materia de accesibilidade cando fan obra nova”, explicou Goretti Sanmartín Rei.

Nos 6,5 km que ten esta senda peonil existen diversos lugares que non se adaptan á normativa de accesibilidade no relativo a pendentes, rebaixes e superficies que esvaran e, por este motivo, ademais de dificultar o paso están a producirse caídas frecuentes en lugares como a ponte do parque Eugenio Granell, evidentemente moi pouco apta para persoas maiores, crianzas en bicicletas e coches de bebés.

A vexetación invade a senda peonil do Sarela

Alén diso, o BNG reclama que se manteña en bo estado a senda peonil do Sarela, pois a vexetación invade as zonas de paso e mesmo nalgúns casos dificulta a localización dos sinais, debido á falta de rozas que cómpre efectuar nesta época.