OXE

Goretti Sanmartín reclama “unha posición de cidade” para incluír fondos para Santiago nos Orzamentos Xerais do Estado 2019

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Rexistrou unha solicitude de reunión da xunta de portavoces

Goretti Sanmartín reclama “unha posición de cidade” para incluír fondos para Santiago nos Orzamentos Xerais do Estado 2019

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2019.- A portavoz municipal nacionalista, Goretti Sanmartín Rei, anunciou en rolda de prensa que o BNG rexistrou a solicitude á Alcaldía para que convoque unha xunta de portavoces extraordinaria e urxente para falar dunha proposta de consenso “fixando unha posición de cidade a respecto dos Orzamentos do Estado” para reclamar fondos para as principais infraestruturas pendentes en Santiago de Compostela.

Así, emprazou a convocar esta xunta de portavoces antes de que remate xaneiro. “Entendemos, despois de falar con distintos sectores e con veciñanza que esta proposta pode ser ben acollida polos axentes sociais e pola xente que está preocupada diante da situación de desamparo e de ficar no aire moitas das infraestruturas que son básicas para Santiago de Compostela e que eran compromisos adquiridos desde hai tempo”, sinalou.

Ademais, pode ser positiva “para visualizar a forza conxunta como cidade con independencia do que cada forza política defenda lexitimamente”. Para o BNG, “o que habería que facer é unha emenda de devolución dos Orzamentos”, por ser inaceptábeis para Santiago. “Mais entre o conxunto das forzas políticas con representación podemos fixar cales son as propostas importantes para que se inclúan”, engadiu a portavoz do BNG.

Explicou que tamén fai esta proposta para coñecer cales son as negociacións do alcalde sobre os Orzamentos do Estado, “pois por transparencia nun tema tan importante debe comunicalo a portavoces”, dixo.

Neste sentido, entre as propostas do BNG imprescindíbeis para Compostela está o orzamento para o orbital, que marque o groso dos inicios dos traballos en 2019 e o remate en 2021; a consignación para o orbitaliño e para a EDAR tamén en 2019, porque non abondan os 65.000 euros e ten que haber un compromiso por escrito de que vai haber fondos do Estado para esta infraestrutura.

Tamén é importante que vaia a mellora da rotonda de Conxo, en canto a humanización e seguranza viaria; sobre a estación intermodal, indicou que é necesario aproveitar esta negociación para a retirada do convenio da cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros/as e a aceptación do nome de ‘Daniel Castelao’ aprobada no último Pleno para que se incorpore no proxecto do deseño coa súa obra gráfica, tipografía e musealización interior. Reclamou tamén estudos de detalle para un plan de usos da vella terminal de Lavacolla e da estación de mercadorías da Sionlla.