ASOLAGAMENTOS

Goretti Sanmartín reclámalle ao alcalde medidas para a prevención de asolagamentos

Traslada o apoio do BNG ás persoas afectadas e ás que colaboraron para baldeirar a auga e limpar a lama acumulada no barrio de Vite

Goretti Sanmartín reclámalle ao alcalde medidas para a prevención de asolagamentos

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclámalle ao alcalde que adopte medidas para a prevención de asolagamentos como os producidos na fin de semana en Vite, unha zona pendente de obras para a canalización de augas pluviais e mellora do saneamento. Ademais, trasladoulles a súa solidariedade ás persoas afectadas.

O BNG recibiu queixas dos danos producidos no roteiro do Sarela, para o que reclama unha intervención por parte do Concello para restaurar os desperfectos e facer obras de mantemento para a boa conservación das pasarelas, co fin de que resistan os temporais e as crecidas do río propias do inverno.

Santiago de Compostela sofre tamén nas últimas semanas a presenza reiterada de balsas de auga en moitas estradas e cruces que entrañan un problema de seguranza viaria, ademais do perigo para persoas condutoras, ciclistas e persoas que van a pé. Deste xeito, demanda que se preste máis atención para a eliminación de follas de árbores acumuladas, limpeza de sumidoiros e mellora de canalizacións, así como á reparación de fochancas no asfaltado. Tamén se constata un problema grave no Periférico, polo que Goretti Sanmartín demanda que o alcalde faga as xestións oportunas con Fomento para solucionar este problema e non continúe borrasca tras borrasca só con parches.

Para o BNG, é necesario que se reforce o operativo de emerxencias para a prevención de asolagamentos nos puntos detectados que máis problemas padecen cando hai avisos de alerta meteorolóxica. Goretti Sanmartín quixo ademais trasladar o apoio do BNG ás persoas que colaboraron para baldeirar a auga e limpar a lama acumulada por mor destes asolagamentos producidos na fin de semana.