ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín recolle as demandas de San Xoán de Fecha na rolda de contactos coas asociacións veciñais

Encontro veciñal en San Xoán de Fecha
Encontro veciñal en San Xoán de Fecha

Un dos problemas que sofren é derivado dos malos olores procedentes do vertedoiro de Miramontes, que empeora a calidade ambiental

Goretti Sanmartín recolle as demandas de San Xoán de Fecha na rolda de contactos coas asociacións veciñais

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro coa veciñanza de San Xoán de Fecha onde trasladaron as principais demandas desta parroquia no relativo á mellora da rede viaria, á adecuación das frecuencias de transporte, ás molestias que causa o vertedoiro de Miramontes no relativo a olores e á necesidade de reparar un lavadoiro.

Goretti Sanmartín foi acompañada de Navia Rivas, Pilar Lueiro e Xosé Quintáns, membros da candidatura do BNG, que despois da reunión visitaron os lugares aos que fixo referencia a directiva da asociación, entre eles un lavadoiro que urxe arranxar.

Ademais de adecuar e ampliar os horarios de transporte urbano, con dúas frecuencias pola mañá e dúas pola tarde, faise necesario o acondicionamento da estrada desde Ponte Albar de Abaixo a Ponte Albar de Arriba e da pista que está diante do centro sociocultural, para incrementar seguranza viaria.

No ámbito forestal, trasladaron a necesidade de iniciar unha concentración parcelaria do monte, co obxectivo de contribuír á súa xestión produtiva e aproveitamento destes terreos, ademais de favorecer a prevención de incendios.

Outro dos problemas que sofren é derivado do vertedoiro de Miramontes, que causa emisións de gases polo depósito de toneladas de residuos que chegan diariamente até a zona. O seu tratamento está a provocar contaminación do aire e olores de carácter desagradábel e insostíbel para respirar. Neste punto, Goretti Sanmartín explicou que o BNG trasladou ao Pleno do Concello e aos Parlamentos galego e europeo diversas iniciativas para controlar tanto os depósitos de lixo, as filtracións ao terreo e estas emisións que empeoran a calidade ambiental e de vida das persoas que residen nesta parroquia. Así, comprometeuse a facerlle seguimento a este vertedoiro para que cumpra a normativa.