Goretti Sanmartín: “Recomendámoslle ao alcalde que escoite a veciñanza e cumpra os acordos co asociacionismo para reactivar a economía local co apoio colectivo”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Destaca neste primeiro ano despois das eleccións a mala xestión dos Orzamentos, que deixaron 75 de cada 100 euros sen gastar en 2019, ademais de incumprir os acordos cos colectivos
Goretti Sanmartín: “Recomendámoslle ao alcalde que escoite a veciñanza e cumpra os acordos co asociacionismo para reactivar a economía local co apoio colectivo”

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020.- No aniversario das eleccións municipais, a portavoz do BNG, Goretti Sanmartín, considera neste balance anual que o Goberno local de Sánchez Bugallo estivo instalado “na rutina e nunha política de falta de diálogo coas asociacións para chegar a acordos”. Referiuse aos incumprimentos do Pacto polo Rural, do Pacto polas Infraestruturas e Reindustrialización, das ANPA con respecto aos comedores, do calendario dos Consellos de Participación Cidadá e, recentemente, da hostalaría, da cultura e do comercio durante a xestión da pandemia da covid-19. Neste sentido, Goretti Sanmartín recoméndalle ao alcalde “que escoite a veciñanza e cumpra os acordos co asociacionismo para conseguir reactivar a economía local co apoio colectivo”.

Goretti Sanmartín realizou un balance do primeiro ano de Goberno local e comezou por destacar que na parte da xestión municipal, existe un escaso nivel de execución dos Orzamentos segundo os datos que ofrece a liquidación de 2019, onde quedaron 12 millóns de euros sen gastar, e a execución do capítulo de investimentos é menor do 25% “Isto é, de cada 100 euros que tiñan para obras e servizos, deixaron 75 sen gastar pese ás necesidades existentes e á premura por aprobar os Orzamentos de xeito extraordinario no mes de agosto”, explicou Goretti Sanmartín.

No segundo semestre de 2019 superáronse os 100 días no período medio de pagamento a provedores (102) cando o máximo legal son 30 e isto implica problemas para a economía das empresas que contratan co Concello e representa un grave problema de xestión municipal. “O BNG incidiu na necesidade de cumprir este período de 30 días, cuestión que se corrixiu nos primeiros meses de 2020, mais no mes de marzo volveu incrementarse e situouse en 49,51 días segundo figura na web do Ministerio de Facenda”, destacou.

Para o BNG resulta “incomprensíbel” que non se incluísen as obras para o abastecemento e saneamento no rural nos Orzamentos de 2020, un dos motivos polos que non apoiou estas contas no Pleno de febreiro.

O BNG advirte tamén neste balance que seguen sen contrato diversos servizos municipais como a Escola Municipal de Música, o transporte público, a limpeza das instalacións municipais, o servizo de conserxería de 14 colexios públicos e 6 pavillóns e as marquesiñas de autobús, entre outros. Ademais, bótase en falta o control dos contratos de grandes empresas concesionarias como o da recollida de residuos pese ás queixas diarias recibidas polo servizo.

Outra característica deste primeiro ano de Goberno encabezado por Sánchez Bugallo é a falta de transparencia e de participación social, pois aínda non se reuniron os Consellos de Participación Cidadá.

Ademais, Goretti Sanmartín lembra que todos os grupos municipais asinaron en campaña o Pacto polo Rural e o Pacto polas Infraestruturas e Reindustrialización, que aínda non se comezaron a aplicar, co que lle dá as costas ao rural e a fomento do tecido empresarial. “Do mesmo xeito que o PSOE votou en contra inexplicabelmente dunha iniciativa do BNG para reclamar máis fondos para o Estatuto de Capitalidade e a revisión das cantidades asignadas pola Xunta pola condición de Santiago como capital galega”, sinalou ante este pacto coa Administración galega.

O BNG trasladou demandas veciñais ao Concello

En canto ás iniciativas do BNG neste primeiro ano de mandato municipal, centrouse nun labor de oposición con propostas construtivas para trasladar demandas veciñais ao Concello. Así, Goretti Sanmartín citou a axilización de licenzas Urbanismo coa dotación de máis persoal no departamento, a publicación do prego de comedores escolares de acordo coas demandas das ANPAs, o programa de Nadal para o comercio local de proximidade con servizos de conciliación e vales desconto aparcadoiros, as xestións para a construción do Conservatorio Profesional de Danza, as axudas para familias monoparentais, a construción do centro de día nas Fontiñas, a recuperación da Casa da Parra, melloras no transporte público ou un espazo cultural e de lecer para mocidade, entre outras iniciativas que foron aprobadas en Pleno a proposta do BNG e que moitas delas aínda están sen desenvolver.

Colaboración do BNG fronte á pandemia do coronavirus

Coa xestión da crise da pandemia da covid-19, o BNG ofreceu a súa colaboración para dispor das modificacións orzamentarias necesarias para o pagamento de gastos destinados a alimentación e hixiene, ademais de aloxamento de persoas sen recursos, que fixeron visíbel esta pobreza que alcanza 16.000 persoas en Santiago de Compostela segundo os últimos datos do IGE. Na actualidade, en Santiago hai 1.964 empresas con 12.630 traballadores/as en Expediente de Regulación Temporal de Empresas (ERTE) por mor da covid-19, ás que hai que sumar as que estaban en situación de desemprego e traballando sen contrato na economía somerxida.

Neste sentido, o BNG presentou propostas nun Plan de reactivación económica do comercio local e nun Plan para a revitalización do sector cultural, con medidas concretas contrastadas con profesionais deses sectores, para colaborar co Goberno local en buscar saídas beneficiosas para a economía local.

Goretti Sanmartín: “Recomendámoslle ao alcalde que escoite a veciñanza e cumpra os acordos co asociacionismo para reactivar a economía local co apoio colectivo”