EDUCACIÓN

Goretti Sanmartín require a convocatoria urxente do Consello Municipal de Educación para facer un plan de control dos comedores

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
O prego do concurso estaba feito para un xigante empresarial co que, ao non facer oferta por lotes, as de ámbito local e comarcal non puideron concorrer
Goretti Sanmartín require a convocatoria urxente do Consello Municipal de Educación para facer un plan de control dos comedores

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, sinalou en rolda de prensa que os servizos de comedores escolares e da Escola Municipal de Música requiren “unha resposta máis áxil, eficiente e decidida” por parte do Goberno actual, aínda que os problemas proveñan do anterior. Así emprazou a que, en 15 días, se convoque o Consello Municipal de Educación.

En canto ao prego dos comedores, destacou que “estaba feito para un xigante empresarial, para unha grande empresa”, cando a concelleira de Educación puido introducir mudanzas substanciais no prego para incluír as demandas das ANPAs que impedisen a situación actual. “Desde o BNG xa criticamos este último prego, porque era un parche non suficiente no que se refire aos 150 quilómetros aos que poden estar as cociñas, produtos de proximidade, frescos e cociñados nas inmediacións da contorna educativa”, ademais de non incorporar a oferta por lotes como se fai noutros sitios; por proximidades xeográfica de dous ou tres colexios ou por especialización de funcións, para diferenciar a elaboración e distribución de alimentos das funcións educativas e de monitoraxe. “Iso favorecería que houbese pequenas e medianas empresas do ámbito comarcal que puidesen acceder a estes concursos e dinamizar a economía local”, engadiu Goretti Sanmartín.

Segundo explicou, só se presentou unha única empresa que foi “alimentación Saludable Gallega” que baixo esa denominación oculta o administrador único de Serunión, “a mesma que trouxo numerosos problemas coa comunidade educativa nos últimos tempos e que tivo numerosos incumprimentos e reclamacións por parte de nais e pais de familias polo catering nas condicións que ofrece”, explicou.

Para o BNG, isto require a reunión urxente do Consello Municipal de Educación que a propia concelleira anunciou nunhas xornadas sobre comedores escolares que ía convocar para o mes de setembro, “mais estamos en outubro e non sabemos nada desa convocatoria”. Deste xeito, esixiu que se convoque nos próximos días e, no caso de non facelo, o propio BNG reunirase con integrantes dese Consello Municipal de Educación para trasladarlles a preocupación para tratar este tema.

O BNG propón tamén que o Goberno local leve ao Consello Municipal de Educación “un plan de control e inspección do servizo de comedores, que sexa debatido para que este servizo funcione correctamente”. “Ademais de poñer os novos piares para que se elaboren os novos pregos do concurso co coñecemento e consenso das ANPA que son quen mellor saben que é o que se precisa”, sinalou.

Goretti Sanmartín anunciou tamén que o BNG realizará unha pregunta por escrito para coñecer se o Goberno local se dirixiu á Xunta de Galiza para solicitar que sexa esa Administración se faga cargo dos comedores escolares porque é competencia súa.

Escola Municipal de Música

En canto á Escola Municipal de Música, sinalou que o BNG xa advertira que ía acontecer “pois Compostela Aberta só quixo gañar tempo, o que ofreceu foi pan para hoxe e fame para mañá”, porque era unha situación que ben se vía como determinan as sentenzas.

“Desde o BNG imos seguir reclamando a remunicipalización deste servizo, que podería ofrecer unha solución que garantise que o proxecto educativo continuase adiante e con estabilidade”, destacou. “A remunicipalización deste servizo é ben fácil de facer porque as infraestruturas e o material son do propio Concello e habería que buscar unha solución para a continuidade do persoal a través da proposta de mantemento da consolidación do proxecto educativo”, engadiu.

Deste xeito, pediulle ao Goberno local que non desbote ese proceso de remunicipalización, “que se poñan as pilas mentres esperan pola sentenza de lesividade, que teñan preparado un novo prego ben estudado con todos os mecanismos que poidan favorecer o mantemento do proxecto educativo”. Reclamou que estes novos pregos garantan que se cumpra o convenio da propia Escola Municipal de Música “e onde a oferta económica non sexa o decisivo, senón que o fundamental sexa manter ese proxecto educativo”. Tamén reclamou que se incluíse a oferta de bolsas de matrícula gratuíta para nenos e nenas de familias en risco de exclusión social, que a empresa gañadora non ofertou.

“Comeza o curso nunha situación irregular e ilegal que se vía vir e que vai traer consecuencias para o Concello”, afirmou. Este tamén é un tema do Consello Municipal de Educación, explicou, por iso se ten que reunir de xeito inmediato, do mesmo xeito que o Consello Municipal de Saúde.